Opinión

Dietario de Campaña (II)

Escoito na SER Galiza a Feijóo (pronunciemos o seu apelido como cómpre: con xis)


9 de Maio. 7.49 h

1.-Escoito na SER Galiza a Feijóo (pronunciemos o seu apelido como cómpre: com xis) a chamar a votarmos como "galegos", mas tamén como "españois". Engade que dese xeito afortalaremos a nación máis vella de Europa, non o di por Galiza, dío por España. Feijóo/Feixóo en realidade non sabe nada da historia de Galiza, nen lle interesa. España é unha construción histórica -disimulando pola expresión- de formación moi posterior -centos de anos posterior- a que os gregos constatasen no noso territorio -en realidade nun territorio ben máis largo- a existencia dunha colectividade humana á que baptizaron como os kallaikoi.

Feijóo, en todo caso, non fai máis que neofraguismo. Sermos galegos é a nosa forma de sermos españois, dicía o fundador do partido. Feijóo aínda non se anima a engadir a identidade europea ao que somos: votemos como galegos, votemos como españois, votemos como europeos. Non é cuestión de europeizar o temario da campaña: xa o deixou dito González Pons, hoxe Europa non vende nada, o que vende é España.

20:05 h

2.-Entra o tren en campaña. ElDiario.Es deixa núa unha evidencia: o AVE a Galiza non será AVE, non como o AVE español. Outra evidencia: cala Feijóo. Ana Pastor tamén cala. Cala, mais se deixa fotografar en Pontevedra. Un deses actos de campaña silentes, só aptos para gráficos, para as cámaras: paseando por Pontevedra (a Pontevedra que se lle resiste ao españolismo de dereitas) de buen rollito, finxindo seren persoas normais, desas que sofren recortes ou que ven ameazar o seu posto de traballo ou que directamente non o teñen, Ana Pastor é popular, xa o din as siglas do seu partido. Algo que declarar, señora Pastor? Nothing at all.

Máis de ferrocarrís: o xuíz Aláez, antes de abandonar a instrución do caso, imputa a 11 cargos públicos, 11 cargos do Estado español. As responsabilidades da Administración central no sinistro máis letal sofrido na historia moderna de Galiza son evidentes. Algunha responsabilidade que exixir, señor Feijóo? Nothing at all.