Opinión

Dietario de campaña (IV)

1.-Cañete, alén de ser un terratenente, é un dos políticos puros do PP.

11 de Maio. 10.30 h

1.-Cañete, alén de ser un terratenente, é un dos políticos puros do PP. Dos poucos que había no goberno (el e o ministro de Asuntos Exteriores, a vicepresidenta é un proxecto de boa política). Non está aquí só para xerir a cousa pública. Di en El Heraldo de Aragón que se o interese xeral o demanda non desbota para o futuro unha grossen koalitione PP-PSOE. Valenciano sairá agora botando lume pola boca, desmarcándose, anatema!, para marcar perfil, those kind of things. Non lle fagan caso. Si a Cañete: ese, o do goberno de concentración español, é o deseño de futuro que teñen os que antes se daba en chamar poderes fácticos, poderes que son, con independencia de como os designemos, os que mandan.

11 de Maio. 14:25 h

2. IU de Estremadura entra en campaña, e faino con forza. IU de Estremadura sempre dá titulares. Este é un titular incontornábel cando estamos a poucos días para votar (ou para non votar, que é o que lle apetece ao PP). O titular é este: os votos de IU en Estremadura manterán Monago (PP) na presidencia da Junta. Como? Absténdose perante a moción de censura que apresenta o PSOE e que se vai votar esta cuarta feira.

Temos aquí un exemplo paradigmático de como a abstención é sinónimo de lle facer o xogo á direita españolista.

    Felipe González é capaz na mesma faena de auto-lexitimarse como conselleiro de Gas Natural e de dar carta de natureza a un bipartito bipartidista español

Temos aquí tamén un outro exemplo de até que ponto é limitado o rupturismo do que se gaba a esquerda situada á esquerda do PSOE. Rachar, rachar, con quen non rachan é con Monago.

3.-Non quero invadir o campo do simpar Cosme Torreiro, espía e xornalista de vangarda, mais o da imprensa sistémica galega é para nota e non me resisto a consignar unhas poucas liñas. Saben que espazo lle dedica o meio largamente hexemónico á campaña na súa capa dominical? Un breve, si, un breve. Ou sexa nada. Ou sexa, amigas e amigos, non vos animedes a votar. Ou sexa, o do CIS [lembren, menos do 20% dos entrevistados sabían que as eleccións eran o 25-M].

11 de Maio. 23.15 h

4.-Felipe González, O Grande Prócer Social-Liberal Español, con esa labia un chisco perdonavidas-paternalista que o caracteriza, conversa con Ana Pastor, xornalista amiga, na Sexta, e fai un Cañete cando a xornada eleitoral entra no epílogo. Facer un Cañete consiste en dicer que se o patriotismo español así o demanda, e dado que hai que pór orde no Estado (isto é, hai que reducir a ameaza separatista, mellor unha España coligada que unha España rota), non debe haber maior reparo en que se constitúa unha grossen koalitione no EE.

Así é Felipe, capaz na mesma faena de auto-lexitimarse como conselleiro de Gas Natural e de dar carta de natureza a un bipartito bipartidista español.

Comentarios