Opinión

Política e multitude

O desafío que ten por diante o nacionalismo galego é xigantesco: conquistar a soberanía

O desafío que ten por diante o nacionalismo galego é xigantesco: conquistar a soberanía, construír un Estado próprio, colocar nas mans das galegas e dos galegos a decisión de se queremos unha Galiza independente.

Ese desafío só se vencerá se se daren dúas condicións previas. Primeira, a participación popular masiva. Segunda, o concurso da política. As dúas son imprescindíbeis, as dúas caras da mesma moeda. Sen multitude non hai política transformadora real e sen política as multitudes findan por se dispersaren, por seren vulnerábeis, facilmente controlábeis polos poderes sistémicos.

A única perspectiva que pode viabilizar a nosa patria é a soberanía, mais non a soberanía para declarala como fetiche retórico, senón a soberanía para exercela fronte á nación opresora

A política soberanista ten de ser iso, soberanista. Ten de acumular forzas, por suposto, e ten de ser o máis abranxente posíbel, faltaría máis. Pero ten de ser iso, soberanista. E iso pasa por contar con todas aqueles segmentos da sociedade que conciben Galiza como unha nación completa, non dependente. Non hai ningún proceso autodeterminista do mundo en que a nación oprimida se libere facendo fronte común coa colaboración de sectores politicamente organizados da nación opresora. Quen o dubide, que olle para Escocia ou Catalunya.

Este 15-S a expresión organizativamente máis numerosa do nacionalismo galego, o BNG, mostrou a súa enorme capacidade de mobilización de masas, empregando, alén do máis, un discurso non precisamente de pensamento débil ou posmoderno. Por unha Patria Soberana, esa é a súa chamada para mobilizar a sociedade, unha chamada que, aliás, advén da convicción de que os procesos históricos son longos e hai que enxergar sempre lonxe, sen caírmos nos engados curto-pracistas.

Non hai atallos. Hai que falar clariño á sociedade. Galiza non ten saída como unha provincia española. Galiza non ten máis saída que a superación do marco autonómico, coa descentralización administrativa só se poden sentir cómodas as forzas políticas de obediencia española, mais nunca as que están por unha Galiza dona de si. A única perspectiva que pode viabilizar a nosa patria é a soberanía, mais non a soberanía para declarala como fetiche, senón a soberanía para exercela fronte á nación opresora.

Comentarios