A 25ª edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela celebrarase entre os días 13 ao 19 de maio. Os índices de audiencia tanto na sala como na rúa indican a fidelización do público a través dun xénero tan particular como é o Teatro de Títeres que logra poñer Redondela no mapa dos grandes Festivais internacionais e obtendo, ademais, unha importante repercusión mediática.
Nesta XXV edición serán 28 compañías das máis variadas procedencias, entre outras,Italia, Holanda, Arxentina, Francia ou México. A organización vén de confirmar a presenza de compañías tan prestixiosas como Cíe Lejo de Holanda, Cía Saltimbanqui de México, Cía El Espejo Negro de Andalucía ou a compañía La Chana de Castela-León, gañadora do Premio Max-2024 ao Mellor espectáculo xuvenil que formarán parte da programación deste ano.
Importante presenza galega
Ademais, os responsábeis da organización tamén adiantaron a presenza dos franceses Teatre Jaleo, que montarán a súa propia barraca na Alameda, ademais dunha importante presenza de compañías galegas como Títeres Alakrán, Tanxarina Títeres, Mircromina Títeres, Teatro Ó Cubo ou Trécola Producións.
En canto a espectáculos itinerantes, en Redondela estará Aquiles da compañía La Fam, de Valencia, unha marioneta de máis de 5 metros de alto cunha impresionante posta en escena con efectos pirotécnicos.
Outro dos pratos fortes dos espectáculos de rúa será A Feria dos imposibles unha instalación interactiva onde se mestura ilusionismo, maxia e teatro e que está composta por 25 elementos entre dispositivos de enxeño, caixas misteriosas, calidoscopios, cadros de dobre visión ou espellos surrealistas.