O Entroido chega ao 'Sermos Galiza' desta fin de semana

O papel chave das mulleres, o Museo do Entroido de Xinzo, os ritos recuperados máis rcentemente ou unha entrevista con Mercedes Vázquez Saavedra, fotógrafa documentalista especializada no mundo da máscara fan parte do semanario.
Escolma de imaxes do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera A creación sobre o Entroido de Xiralúa (Sofía Iglesias e Fernando López) ilustra a capa de 'Sermos Galiza'.

Como cada sábado, Nós Diario traerá o vindeiro día 10 de febreiro entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana, e que desta volta está centrado na chegada do Entroido. 

Comunidade. Con esta palabra define Antía González Rodríguez, unha das coordinadoras do Museo Galego do Entroido (Mugae), en Xinzo de Limia, esta complexa festividade propia da Galiza e do período invernal. A reportaxe de Eva Cid Rivas entra no Museo para observar o seu traballo de "agrupar e preservar a tradición", mais tamén para salvagardar o carácter tan propio desta celebración. 

Pola súa parte, Sara Pardo indaga no papel chave que tiveron e teñen as mulleres nos ritos do Entroido, sendo, por exemplo, protagonistas de moitas das danzas e xogos tradicionais que adoitan acompañar estas festas. 

 

 Xa sexa polo atractivo dos que se conservaron no tempo e medraron en visualización mediática, sexa por non deixar que fuxa a oportunidade de vivir experiencias do pasado a través da memoria de informantes que aínda hoxe poden contalo, numerosas vilas e algunha que outra cidade apuntáronse durante estes últimos anos ao traballo de recobrar a festa máis rebelde do ano, recuperando tradicións que non tiveron tanto éxito mediático. Antón Escuredo achégase a algúns deste como os de Soutomaior, o da Gudiña, o de Silleda ou o de Vigo.

Finalmente, Xan Carballa entrevista Mercedes Vázquez Saavedra, unha fotógrafa documentalista exahustiva que ademais recolle cunha paixón que xa chega ás catro décadas, textos e historias que lle contan arredor da máscara.

"Vin chorar moita xente o día que remata o Entroido", di Mercedes Vázquez Saavedra na entrevista. "A comuñón de xente, iso é a máscara". 

Ilustración de Xiralúa

Sofía Iglesias é xunto a Fernando López a fundadora de Xiralúa, unha empresa dedicada ao deseño gráfico con mirada de país. Unha das súas creacións, en homenaxe aos Entroidos da Galiza, ilustrará a capa do especial Sermos Galiza que este sábado acompañará Nós Diario. Nunha entrevista concedida a este xornal, Sofía Iglesias sinala que "hai un tempo fixemos toda unha colección enteira dedicada ao Entroido. Teño unha folla onde fun anotando as figuras que a xente mencionaba que faltaban, coa idea de ir recollendo e quen sabe se facer algo máis sobre isto nun futuro. Foi unha colección moi divertida de facer porque descubrimos moitas figuras que non coñeciamos, algunhas delas porque aínda se foran recuperando recentemente. Desfruteino moito porque tiven que buscar fotografías e ler sobre os traxes e tradicións. Temos a Pita de Eiroás, os Follateiros de Lobios, as Bonitas de Sande... Claro, eu coñecía as figuras típicas, como as Pantallas de Xinzo de Limia, e os Xenerais do Ulla porque son da miña zona, mais intentei facelo o mellor que puiden para ter toda esta representación".

Comentarios