A gasolina e o diésel proseguen coa súa caída

Os carburantes teñen prezos de febreiro de 2022.
Un home repostando combustíbel no seu vehículo (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
photo_camera Un home repostando combustíbel no seu vehículo. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O prezo dos carburantes proseguiu esta semana coa tendencia á baixa é máis barato no seu prezo medio, tanto o diésel como a gasolina, que antes do inicio da guerra de Ucraína, a finais de febreiro de 2022.

En concreto, no caso do diésel descendeu un 1,53% con respecto a sete días atrás, para conseguir un novo mínimo este ano. Segundo datos do Boletín Petroleiro da Unión Europea (UE), esta semana o prezo medio do litro de gasóleo sitúase, tras nove semanas de caídas, nos 1,411 euros, consolidándose ademais nun nivel máis baixo do que custaba na última semana de 2022, cando aínda se aplicaba a subvención do Goberno español de 20 céntimos por litro. 

Por outra parte, o prezo medio do litro da gasolina encadeou tamén esta mesma semana a súa cuarta caída consecutiva e, cun descenso de 1,25%, sitúase nos 1,579 euros, o seu nivel máis baixo desde mediados de febreiro do ano pasado.

Cando comezou a guerra de Ucraína, o 24 de febreiro de 2022, o prezo medio do litro de gasolina situábase nos 1,592 euros, un 0,81% máis que actualmente, mentres que o do diésel ascendía a 1,479 euros, un 4,6% máis.

Posteriormente, a escalada no prezo de ambos os dous carburantes levou o Goberno español a aprobar unha bonificación mínima de 20 céntimos por litro de combustíbel para toda a cidadanía. 

O Brent, á baixa

Agora mesmo, a gasolina e o gasóleo seguen unha semana máis por baixo do importe que marcaban (1,818 euros no caso do primeiro e 1,837 euros para o segundo) antes da entrada en vigor da axuda de 20 céntimos por litro que aprobou o Goberno a finais de marzo do ano pasado, e que, desde comezos de 2023, só se mantén para o colectivo de profesionais, que inclúe a transportistas, agricultores, navieiras e o sector do mar.

Neste contexto, esta quinta feira o barril de Brent, de referencia en Europa, cotizaba lixeiramente á baixa até a contorna dos 76 dólares, mentres que o Texas americano intercámbiase a uns 72,4 dólares.

O prezo dos carburantes depende de factores como a súa cotización (independente da do petróleo), da evolución do cru, os impostos, do custo da materia prima e da loxística ademais das marxes brutas. 

Comentarios