Así mudará a contía das pensións non contributivas e do Ingreso Mínimo Vital en 2024

O Goberno español encara a tramitación dos Orzamentos Xerais do Estado.
A ministra portavoz do Goberno español, Pilar Alegría, esta terza feira (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).
photo_camera A ministra portavoz do Goberno español, Pilar Alegría, esta terza feira. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).

As pensións non contributivas, así como o Ingreso Mínimo Vital (IMV), subirán 6,9% en 2024, en tanto que a pensión mínima de viuvez con cargas familiares incrementarase 14,1%, desde os 905,9 euros ao mes até perto de 1.033,6 euros mensuais, segundo anunciou esta terza feira a ministra estatal de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz.

Ademais, segundo estabelece a reforma aprobada en marzo, as pensións mínimas contributivas experimentarán, desde 2024 e até 2027, unha suba progresiva superior á inflación media, que no período decembro de 2022-novembro de 2023 situouse, a falta de confirmarse o dato avanzado, en 3,8%. Será precisamente nesta porcentaxe na que subirán o resto de pensións contributivas en 2024, en consonancia coa reforma que liga as pensións coa inflación.

Aprobado o teito de gasto

Ademais, o Consello de Ministros e Ministras español aprobou esta terza feira o límite de gasto non financeiro, coñecido como 'teito de gasto', dos Orzamentos Xerais do Estado para 2024, que se eleva á cifra récord de 199.120 millóns de euros, o que supón 0,5% máis respecto ao exercicio anterior, incluíndo os fondos procedentes da Unión Europea (UE). Con este paso, o Executivo estatal cumpre co primeiro paso necesario para a elaboración das primeiras contas públicas desta lexislatura.

Por outra parte, o Goberno español tamén aprobou os obxectivos de estabilidade orzamentaria, cun obxectivo de déficit das Administracións Públicas en 2024 de 3% do Produto Interior Bruto (PIB), de 2,7% en 2025 e de 2,5% en 2026.

Outras das medidas aprobadas esta terza feira polo Executivo estatal foi o investimento de 500 millóns de euros en dúas convocatorias para a mellora das condicións laborais na actividade investigadora, así como da colaboración público-privada neste eido.

Por outra parte, destinaranse 97 millóns de euros a diferentes entidades sen ánimo de lucro do Terceiro Sector para a formación en competencias dixitais a persoas entre nove e 17 anos.

Comentarios