Carlos Aymerich

"No de Ferroatlántica, Villar Mir tenta tomar os galegos por parvos"

Esta cuarta feira, traballadores de Ferroatlántica comezan unha marcha a pé de Cee a Compostela baixo o lema As nosas centrais non se venden. Falamos con Carlos Aymerich, profesor titular de Dereito Administrativo, supervisor das alegacións presentadas contra a solicitude do grupo Villar-Mir e responsábel dun informe xurídico elaborado pola Universidade da Coruña a este respecto.

Carlos Aymerich ferroatlántica
photo_camera Carlos Aymerich, no centro, co comité de Ferroatlántica

Sobre a mesa da Xunta de Galiza leva desde inicios de maio a petición de luz verde de Ferroatlántica para poder vender as centrais hidroeléctricas. Unha pretensión que, tanto agora como a comezos da década dos 90, cando Villar Mir xa intentara esa enaxenación, topa coa oposición frontal de traballadores, alcaldes e veciñanza da Costa da Morte, e non só. Daquela tamén tivera en contra o goberno galego, que aprobara unha cláusula prohibindo a segregación de actividades. Esta cuarta feira, 5 de xullo, os traballadores de Ferroatlántica inician unha marcha a pé até Compostela, onde chegarán o sábado 8 de xullo, día de manifestación na capital de Galiza contra a venda das centrais e día de greve en Ferroatlántica. Conversamos con Carlos Aymerich, profesor titular de Dereito Administrativo na Universidade da Coruña  e responsábel do informe xurídico da UdC que sostén que as actividades non se poden segregar.

-Segregar as actividades implica a extinción das concesións. Esa poderiamos dicir que é a trabe principal que se mantén no informe xurídico da Universidade da Coruña e nas alegacións á petición feita polo grupo de Villar Mir.

-Augas de Galiza, da que depende a competencia para outorgar esas concesións, cualificou sempre como esencial esa cláusula [a que impide a segregación de actividades]. Cando se modifica unha cláusula esencial dun contrato, unha concesión, calquera negocio xurídico que sexa, esa modificación substancial equivale á existencia dun contrato novo. Nestes supostos, o que di o propio regulamento do dominio público hidráulico é que hai que proceder a un novo procedemento de outorgamento da concesión, e que ten que se realizar a través de concurso.

Ferroatlántica e Villar Mir sempre fixeron os seus negocios beneficiándose dunha especial proximidade, o que poderiamos chamar un tratamento VIP por parte das diferentes administracións. Se as condicións cambian, ten que haber un novo concurso. É máis, lembremos que Ferroatlántica se fixo coas concesións cando mercou Carburos Metálicos porque ía todo no mesmo paquete. Ou sexa, o vínculo entre actividade industrial e explotación enerxética no Río Xallas e o Río Grande é a causa que lle permitiu a Ferroatlántica facerse coa concesión. Se esa causa desaparece, desaparece tamén a causa que permite que esa empresa teña o desfrute desa concesión.

-As alegacións apresentadas polo Comité de Ferroatlántica procuran desmontar a tese esgrimida pola empresa para xustificar a súa solicitude de segregación, quer no que argumentan de desaparición do interese público quer de defensa do principio de liberdade de empresa.

-O da liberdade de empresa semella que a entenden como a liberdade de facer o que lles peta. A propia Constitución fala no seu artigo 38 de liberdade de empresa no marco da economía de mercado. Mais para haber economía de mercado non pode haber concorrencia falseada. Se hai unha concesión que ten como condición esencial a vinculación societaria entre produción hidroeléctrica e actividade industrial e esa cláusula fundamental desaparece, o evidente é que hai unha modificación substancial e ten que haber de novo concorrencia. Se non, estaríase a falsear a concorrencia, xa que podería haber moitas outras empresas interesadas con propostas de crear máis postos de traballo, investimentos ambientais.... e que non poderían participar. Mais semella que aquí os que falan de liberdade de empresa refírense á liberdade dunha única empresa para facer o que lle peta, sempre coa cobertura de certas administracións.

-Esta non é a única alegación que se apresentou desde o comité de empresa

-Eu creo que Ferroatlántica tenta tomarnos os galegos por parvos e tamén tenta tomar por parvo a quen debería representarnos os galegos, que é a Xunta. Villar-Mir di unha cousa aquí e cando ten que se dirixir aos seus accionistas ou entidades reguladoras di outra. Perante os accionistas, por exemplo, afirma que a venda das centrais impactaría negativamente na continuidade da actividade de fabricación de ferroaliaxes ao incrementar a súa exposición a futuros incrementos dos prezos enerxéticos.

Ferroatlántica estanos a vender na Galiza que quere vender as centrais para, co diñeiro da venda, financiar un plan industrial que vai ser a repanocha, xerando moitos empregos e riqueza. Mais, que di perante os accionistas? Pois non di nada disto, non se fala por ningures de plan industrial, mais si que fala de que se finalmente non se vendesen as centrais poríase en risco reducir o apalancamento financeiro a facer fronte ás débedas dos acredores. Ou sexa, non queren vender para financiar un plan industrial, queren vender para solventar unha situación financeira apurada da empresa, situación que é froito da súa mala xestión empresarial.

-Estarían, pois, a dicir cousas distintas segundo perante quen expliquen o seu posicionamento.

-Até aquí falamos dos feitos, mais non debemos esquecer que hai unha razón xurídica. Chama a atención que a solicitude da empresa non sexa pedir a anulación da cláusula que prohíbe a segregación, piden a revogación, que xuridicamente é deixar sen efecto un acto administrativo non por motivos de legalidade senón de oportunidade. Por que fan isto? Por que dan esta volta? Pois por algo que eles teñen que agochar e do que supoño que a asesoría xurídica da Xunta é ben consciente: hai unha sentenza firme do TSXG confirmada polo Supremo e que desestima unha solicitude de Ferroatlántica no mesmo sentido. Esa sentenza firme ten o que en dereito dicimos valor de cousa xulgado, é dicir, que non pode ser modificada por unha sentenza ou resolución posterior.

Dalgún xeito, o que se pretende agora é burlar ese pronunciamento xudicial formal do TSXG e do Tribunal Supremo. Son os mesmos suxeitos (Ferroatlántica), a mesma pretensión (a segregación) e os fundamentos son os mesmos. Iso é unha fraude de lei. Non poden disparar directo porque saben que ese camiño está fechado, por iso van con argumentos espúreos e botando man da revogación para burlar unha sentenza firme.

-Semella que existe como unha intencionalidade ou presión para que vaiamos asumindo que a Xunta ten que asumir esa solicitude.

-A Xunta non ten obriga ningunha nese sentido.

-Hai pois base firme para que a Xunta se negue a aceptar esa petición de Villar Mir?

-Claro. Xa falamos da cuestión xurírica. A Xunta pode se quere modificar a concesión, mais se fai iso, faino por unha decisión política, decisión que ten consecuencias xurídicas. A consecuencia xurídica fundamental é que se fai iso Ferroatlántica non pode seguir a ser concesionaria, porque ten que ir a concurso. Esa concesión, pois, reverte na administración galega e esta pode explotala directamente ou ben sacalo de novo a concurso.

Comentarios