A Xunta autoriza na Mariña un novo parque eólico de Naturgy: así é o proxecto Piago

Os sete aeroxeradores do parque Piago súmanse aos 117 muíños xa operativos na contorna, entre os concellos do Valadouro, Xove, Cervo e Viveiro.
Á esquerda, un aeroxerador de Naturgy; á dereita, mapa do Rexistro Eólico da Galiza cos parques xa operativos e proxectados na zona canda o Piago —en verde—.
photo_camera Á esquerda, un aeroxerador de Naturgy; á dereita, mapa do Rexistro Eólico da Galiza cos parques xa operativos e proxectados na zona canda o Piago —en verde—.

A enerxética Naturgy xa conta co permiso para instalar sete novos aeroxeradores na Mariña. O DOG recolle esta terza feira a concesión das autorizacións administrativas previa e de construción, perante unha resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética da Xunta datada do pasado 19 de abril, para o parque eólico Piago e mais a súa infraestrutura eléctrica de evacuación, que se situará nos termos municipais do Valadouro, Xove, Cervo e Viveiro.

O proxecto consta de sete aeroxeradores que sumarán en conxunto unha potencia instalada de 27,6 megawatts (MW) e para o que se prevé un investimento de case 24 millóns de euros. Estas turbinas situaranse no interior da área de desenvolvemento eólico (ADE) denominada 'Buio II', na que xa están en funcionamento outros tres parques operados por Acciona: Buio, de 31 muíños e 40,3 MW; Rioboo, de 16 turbinas e 20,8 MW, e Gamoide, de 25 e 32,5 MW. Na envolvente de cinco quilómetros destas instalacións, aliás, atópanse os 45 muíños do parque Viveiro —36,5 MW—, de Gamesa. Un total de 124 turbinas cunha potencia de 157,7 MW nesta zona.

A eles podería sumarse nun futuro a quincena de aeroxeradores que conformarían o parque eólico Caroliño, impulsado tamén por Naturgy mais neste caso nunha fase moito menos avanzada da tramitación, pois a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia ratificou en novembro pasado a negativa de acceso á rede eléctrica alegando cuestións de "tempo e forma" na presentación das súas solicitudes. O mesmo acontece co proxecto Pequecho —seis turbinas entre Xove e Viveiro—, da mesma compañía e tamén sen conexión autorizada.

En verde, o parque eólico Piago; en vermello, o proxecto Caroliño, e en azul, outros aeroxeradores xa operativos.
En verde, o parque eólico Piago; en vermello, o proxecto Caroliño; en laranxa, proxectos en trámites iniciais, e en azul, aeroxeradores xa operativos dos parques Viveiro, Buio, Rioboo e Gamoide. (Mapa: Rexistro Eólico da Galiza)

Piago prevé unha liña de alta tensión duns seis quilómetros de lonxitude e outras dúas subterráneas, que atravesarían O Valadouro, Viveiro e Xove. O tendido eléctrico entroncaría para evacuar a enerxía coa liña de alta tensión procedente do parque eólico Buio e a subestación recolectora de Boimente, en Viveiro.

Nas últimas semanas, no marco do forte empurrón dado pola Administración galega a 75 proxectos eólicos en fase avanzada de tramitación, Naturgy obtivo tamén as licenzas de construción dos parques Meirama, en Carral, Cerceda e Ordes; As Encrobas, neses mesmos tres concellos; Monte Peón, na Lama; Campo das Rosas, na Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade, e Porto Vidros, en Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro.

Son, en conxunto, 33 aeroxeradores cunha potencia total de 140,6 MW os autorizados á enerxética Naturgy só desde o pasado mes de abril por parte da Xunta da Galiza.

Comentarios