Unidade dos concellos do Barbanza para alegar contra Altri: "Vai ter un impacto negativo na comarca"

Os alcaldes advirten do impacto do proxecto no medio ambiente e sectores produtivos da comarca
altri barbanza rianxo riberia a pobra boiro
photo_camera José Ramón Romero, Julián Bustelo, Luís Pérez e José Vidal (Foto: Concello de Ribeira)

Os catro concellos do Barbanza (Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo) presentaron alegacións ao proxecto que Altri pretende desenvolver en Palas de Rei (A Ulloa). Os seus alcaldes, Luís Pérez Barral, José Carlos Vidal, José Ramón Romero e Julián Bustelo Abuín advirten que Altri supón “un impacto directo na Rede Natura 2000, ameaza flora e fauna endémicas, pon en risco o consumo de auga á poboación e industria da Barbanza e as verteduras de augas residuais ao río Ulla podería pór en risco o sector do mar da ría de Arousa”.

Os rexedores —do BNG, Nós Pobra, PSdeG e Rianxo en Común, respectivamente— inciden en que o proxecto anunciado pola Xunta da Galiza en 2020 era un proxecto tractor consistente na produción de fibras de celulosa para uso na industria téxtil mais o que se vendeu como pro-xecto circular de produción de 200.000 toneladas de fibras téxtiles (lyocell) era realmente “unha megaplanta de produción de pasta de celulosa”.

Barral, Vidal, Romero e Bustelo destacaron a importancia de manter unha boa coordinación entre concellos para defender o medio natural e os sectores produtivos da bisbarra.

"Dende os concellos da Barbanza consideramos que resulta prioritario manter ou mellorar o estado ecolóxico do río Ulla para garantir o abastecemento da poboación e das industrias aquí instaladas que tamén se verían prexudicados por unha diminución da calidade ambiental do río", indican

Aountan, ademais, que o megacomplexo industrial "vai ter un impacto negativo nas actividades económicas e no emprego da contorna, o que non compensa en absoluto os supostos beneficios da nova actividade industrial. O sector do mar da ría de Arousa representa o 1,33% da produción total da economía galega, achega o 33% do valor engadido do sector en todo o país, dando traballo directa e indirectamente a milleiros de familias. Ten o 40% das embarcacións pesqueiras e marisqueiras de Galicia e preto do 70% das bateas de mexillón".

Alegacións do Colexio de Arquitectos

Por outra parte, o Colexio Oficial de Arquitectos da Galiza (COAG) presentou un documento de alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental do proxecto de Altri para Palas de Rei. "Reclamamos máis información acerca dunha iniciativa que, entendemos, non se acomoda ao modelo de desenvolvemento territorial que a Galiza precisa", afirman.

Altri minimiza as alegacións

Fontes da pasteira reduciron en 5.000 o número de alegacións presentadas por diferentes institucións plataformas e colectivos (20.000). A preguntas de Nós Diario, a Consellaría de Industria negou que ofrecese á empresa infomación algunha sobre o número de alegacións que se presentaron.

Comentarios