O gasto estatal en pensións alcanza a cifra récord de 12.120 millóns en decembro

Dos máis de 10 millóns de pensións contributivas no Estado, 6,42 millóns son de xubilación. O gasto total en pensións correspóndese a 11,5% do PIB.
A reforma do PP de 2013 continúa a endurecer o acceso ás pensións. Foto: Nós Diario
photo_camera A pensión principal percibida é a de xubilación para 6,4 millóns de persoas, das que 60,1% son homes. (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press)

A Seguridade Social destinou neste mes de decembro a cifra récord de 12.120,8 millóns de euros ao pagamento da nómina ordinaria mensual das pensións contributivas, case 10,8% máis que no mesmo mes de 2022, segundo informou esta terza feira o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. A nómina mensual ordinaria das pensións superou por primeira vez en xullo os 12.000 millóns de euros e este mes volve marcar un novo récord. Iso débese a que, en aplicación da reforma de pensións, estas subiron para 2023 un 8,5% como resultado da inflación media do período decembro de 2021-novembro de 2022.

O departamento que dirixe Elma Saiz estima que o gasto en pensións ficou en 11,5% do PIB nos últimos doce meses, por baixo da media de 2022 (11,7% do PIB), 2021 (12,1% do PIB) e 2020 (12,4% do PIB), ano condicionado polo impacto da pandemia sobre o PIB. Dos 12.120,8 millóns de euros que se dedicaron en decembro á nómina ordinaria das pensións contributivas, case tres cuartas partes (73,1%) destináronse ao pagamento das pensións de xubilación, que sumaron un importe de 8.856 millóns de euros, 11,5% máis que en decembro do ano pasado.

Ás pensións de viuvez destináronse 2.012,6 millóns de euros, 9,3% máis que hai un ano, mentres que ás prestacións por incapacidade permanente dedicáronse 1.056,7 millóns de euros (+7,5%). Pola súa parte, o pago das prestacións de orfandade conlevou un importe de 163,5 millóns (+9%), e o das prestacións a favor de familiares totalizou 32,1 millóns de euros (+11,8%).

6,3 millóns de xubilados con pensión

En decembro deste ano abonáronse 10.111.991 pensións contributivas, case 1,2% máis que hai un ano, a algo máis de 9,15 millóns de pensionistas. Do total de pensións, máis de 6,42 millóns eran pensións de xubilación; 2,35 millóns, de viuvez; 945.976, de incapacidade permanente; 340.866, de orfandade, e 45.531, en favor de familiares. Do total de pensionistas (9.154.513 ao 1 de decembro deste ano), 4,6 millóns son homes e 4,5 millóns, mulleres. O número de pensións por pensionista é de 1,1.

A pensión principal percibida é a de xubilación para 6,4 millóns de persoas, das que 60,1% son homes; a de viuvez é a principal prestación para 1,5 millóns de persoas (95,9% son mulleres); a de incapacidade permanente é a pensión principal para 941.281 pensionistas; a de orfandade para 323.140 persoas, e a de favor de familiares para 44.891 pensionistas.

Tras a suba das pensións co IPC aplicada desde principios de ano, a pensión media de xubilación aumentou no conxunto do Estado español en decembro por volta de 9,4% interanual, até os 1.378,4 euros mensuais. No Réxime Xeral, a pensión media de xubilación ascendeu a 1.533,9 euros mensuais, fronte aos 918,2 euros ao mes do Réxime de Autónomos. Na Minaría do Carbón, a pensión media de xubilación é de 2.688,9 euros ao mes e no sector do Mar, de 1.528,4 euros.

A contía media das novas altas de xubilación no sistema ascendeu en novembro deste ano —último dato dispoñíbel— a 1.398 euros ao mes. En decembro, a pensión media de viuvez situouse en 854,7 euros ao mes, cun crecemento interanual de 9,3%, mentres que a pensión media do sistema, que comprende as distintas clases de pensión —xubilación, incapacidade permanente, viuvez, orfandade e a favor de familiares—, incrementouse un 9,5% interanual, até situarse ao 1 de decembro deste ano en 1.198,7 euros mensuais.

O Ministerio informou de que en novembro a media de resolución dos expedientes foi de 9,66 días no caso das pensións de xubilación e de 12,23 días no caso das de viuvez. Neste sentido, o Departamento que dirixe Elma Saiz lembrou que, por lei, o prazo máximo de resolución é de 90 días tanto para as pensións de xubilación como para as de viuvez.

Clases pasivas

Por outra parte, o número de pensións pertencentes a clases pasivas en vigor ao remate de novembro deste ano —último dato dispoñíbel— foi de 706.465, cifra un 2,1% superior á do mesmo mes de 2022. A nómina mensual destas pensións ascendeu a 1.506,4 millóns de euros, 11,6% máis que en igual mes do ano pasado. O Réxime de Clases Pasivas do Estado inclúe fundamentalmente ao persoal militar e a funcionarios da Administración Xeral do Estado, da Administración de Xustiza, das Cortes Xerais e doutros órganos constitucionais ou estatais, así como aos funcionarios transferidos ás comunidades autónomas.

640.000 complementos por fenda de xénero

Con data 1 de decembro, 640.675 pensións percibían o complemento por fenda de xénero, cuxo obxectivo é corrixir paulatinamente a diferenza que se produce entre a pensión media que recibe un home e a que recibe unha muller. O importe medio mensual deste complemento na pensión, recibido nun 90,6% por mulleres, é de 65,3 euros. Das 640.675 pensións complementadas, o 23,3% corresponde a pensionistas cun fillo (149.212); o 47,1% con dous fillos (301.750); o 19,2%, con tres (123.264), o 10,4% (66.449), con catro fillos.

Este complemento, vixente desde febreiro de 2021, consiste nunha contía fixa que, tras a revalorización para 2023, ascende a 30,4 euros ao mes por fillo. O complemento aplícase desde o primeiro fillo e até un máximo de catro e pídese á vez que se solicita a pensión.

Comentarios