Telefónica destruíu en 12 anos seis de cada dez empregos na Galiza

Esta cuarta feira está prevista a firma dos expedientes de regulación de emprego (ERE) que afectarán o persoal das tres principais filiais de Telefónica no Estado español (Telefónica de España, Móbiles e Solucións). Con isto, a compañía de telefonía busca a saída de 3.421 persoas traballadoras até 2025. Na Galiza a medida afectará arredor de 200 empregados e empregadas, o que supón un terzo do persoal. O ERE suporá que 73% dos traballos na firma desaparezan en 14 anos.
Eusebio Unzue, xerente de Movistar Team e José María Álvarez-Pallete, presidente de Telefónica (Foto: AFP7 / Europa Press).
photo_camera Eusebio Unzue, xerente de Movistar Team e José María Álvarez-Pallete, presidente de Telefónica. (Foto: AFP7 / Europa Press).

Telefónica realizou nas últimas décadas varios ERE que afectaron miles de traballadores e traballadoras da compañía tanto na Galiza como no conxunto do Estado español, polo que o actual expediente que negocia a empresa cos sindicatos non é o primeiro que desenvolve.

En 2011, traballaban para Telefónica na Galiza 1.504 persoas, polo que tendo en conta que o cadro de persoal podería quedar reducido tras o ERE a uns 400 traballadores e traballadores, a destrución de emprego sería de 73% en 14 anos. Co nivel de emprego actual, sen o ERE, a destrución de emprego no país nesta empresa xa alcanzara 60% entre 2011 e 2023.

A empresa tivo a condición de estatal até as privatizacións de 1995 (co socialista Felipe González) e 1999 (co popular José María Aznar), ano este último a partir do cal a firma pasou por completo a mans privadas.

Antes, a finais da década de 1980 e comezos da de 1990, a firma realizou unha intensa campaña de contratación que elevou o cadro de persoal (cando a compañía aínda era estatal) até os perto de 75.000 traballadores e traballadoras que se alcanzaron en 1992. Porén, nos últimos 30 anos, o xigante das telecomunicacións perdeu perto de 60.000 empregados e empregadas no conxunto do Estado, tendo agora un persoal de 16.500 persoas (que se verá minguado co ERE).

Redución de 7.000 postos na era de Álvarez-Pallete

Trátase dun recorte continuo do persoal a través de diversos procesos de regulación de emprego que supuxo en total unha redución de case 80% (77,8%) do total dos empregos cos que a compañía contaba en 1992. José María Álvarez-Pallete foi elixido en 2016 presidente do grupo, un cargo que segue ocupando na actualidade. Cando chegou, a compañía tiña 23.548 empregos no Estado español, 7.008 máis dos que ten agora.

Telefónica rexistrou un beneficio neto de 760 millóns de euros no primeiro semestre de 2023, sendo o español o Estado no que obtén a maior parte dos seus ingresos (27%), o que contrasta coa súa intención de realizar un novo ERE precisamente a nivel estatal. No último ano completo con datos, en 2022, Telefónica obtivo un beneficio neto de 2.011 millóns de euros, o que só supuxo unha cuarta parte das ganancias récord de 8.137 millóns de euros que rexistrou no exercicio de 2021.

Toda esta chuvia de millóns para as arcas do xigante das telecomunicacións non lle levan a intentar conservar a súa masa de persoal. Segundo sinalan fontes sindicais a Nós Diario, as reducións de traballadores e traballadoras nesta compañía sempre se intentaron facer a través da conformidade da persoa empregada.

Non obstante, explican, "aínda que seguiron contratando xente para traballar, sempre foi nunha porcentaxe moi inferior á que se ía". Ademais, engaden, boa parte do persoal novo cumpre funcións que están "fóra do convenio", como é o caso dos que se adican a labores comerciais, que teñen outras condicións que están menos reguladas.

A absorción de Fenosa tivo consecuencias nos convenios

Alén dun proceso de privatización como o de Telefónica, a perda de emprego tamén afectou os traballadores e as traballadoras en casos como o da absorción de Fenosa por parte de Gas Natural en 2008, que resultou en Gas Natural Fenosa, actual Naturgy. Segundo relatan a Nós Diario fontes do persoal da empresa, que viviron a absorción por parte de Gas Natural, co novo convenio, que entrou en vigor no ano 2011, "rebaixáronse moito as condicións para as persoas novas que entrasen a traballar".

Nestas condicións, a gasista chegou a ter 14.000 empregados e empregadas en 2014. Porén, case unha década despois, en 2023, o seu cadro de persoal é a metade, pouco máis de 7.000 persoas, nun proceso que continuou até hai ben pouco, pois en 2021 acordouse que 1.000 persoas deixasen o seu traballo. "A maioría dos postos de emprego foron amortizados pola empresa, o plan era a saída dun milleiro de empregados e empregadas e a entrada de 50 ao ano durante catro exercicios, polo que se perderon un mínimo de 800 postos laborais", relatan as fontes do persoal consultadas.

O caso de Fenosa é especialmente relevante na Galiza, pois en 1982, antes de ser absorbida por outras, esta empresa tiña un total de 7.500 traballadores e traballadoras, dos que a Galiza achegaba a maioría, 3.943.

Comentarios