Como le a artista Teresa Búa? A reinterpretación do poemario “Ningún amante sabe conducir”

A crítica de arte Elena Pérez-Ardá debulla a achega de Teresa Búa á mostra 'Do papel ao xesto', que ten lugar no Culturgal.

_MG_9798cortada

Culturgal  (pazo da cultura de Pontevedra)

Do papel ao xesto: exposición colectiva

Teresa Búa sobre o libro “Ningún amante sabe conducir”

Datas: 5,6 e 7 de Decembro do 2014

Comisarios: Antón Sobral e Paula Cabaleiro 

Quen sabe chegar ao baleiro onde está a famosa inspiración artística? Existe tal? Ou sempre somos permeables sen quer? Pénsase sempre nunha musa difusa que os artistas posúen “porque si” mais hoxe en día, hai que ter referentes e partir de outros campos inclusive, para poder chegar máis lonxe. No caso desta mostra do Culturgal, a creación artística preséntase como un tándem de ideas, como calquera outro proceso no que un equipo fai forza nunha dirección.

Investigación, probas de ensaio e error son un dos modelos da arte contemporánea en forma de libro-obxecto que podemos visitar até o domingo nesta feria “das marabillas” en Pontevedra entre moitos outros.

Na mostra “Do papel ao xesto” participa Teresa Búa (Muxía, 1991) unha artista que realiza unha “interpretación gráfica” por así dicilo, pero que vai máis alá baseándose nun poemario  de  Rosalía Fernández Rial. A combinación da poesía coa obra plástica de Teresa  consegue mirar e entender o que nos contan dunha maneira máis intimista e nova.  É grato ler  relatos e sentirmos identificados, ou sentir conexión cun tema musical cando o escoitamos. “É que me aconteceu algo parecido…” di algún. “É que esa personaxe é tal cal…” (…) din outros.  

A creatividade da artista non ten acotacións nin tenta traducir a poesía de Rosalía, mais a forza do poema é elevada á máxima potencia se observamos a imaxinería que compon Teresa ao redor do libro “Ningún amante sabe conducir”  (Ed. Positivas 2014) como tema de partida.    A artista recolle a estética do fragmento e do mundo surrealista. A collage e a fotografía que xa facía Búa nos seus traballos anteriores adáptase á perfección co esquema dun poema. Anacos inconexos ás veces, libres de interpretar por cada quen.

“É o desexo como instinto, unha paixón irracional, na que a voz lírica parece ás veces que se volve un pouco louca…” di Rosalía a autora dos poemas, que viu na obra de Teresa  unha simboloxía axeitada ao seu pensamento poético.

Fai entón a artista unha peza instalativa: postais, gravados, collages fotográficas utilizando diversas cámaras (estenopeicas, dixitais, analóxicas…). Na identificación  máis esixente co poema, pasa a ser ela  a propia protagonista, con obras de tipo performance como na serie “Acercándome” (collage dixital), onde semella que a liña da carreteira divide o corpo de Teresa de forma simétrica.    Dous ollares persoais en diferentes linguaxes. Nas palabras da artista:

“Ao acabar a representación do poemario reuninme con Rosalía Fernández e as súas palabras foron gratificantes: “Vexo os meus poemas un a un expresados na túa obra, eu fixen os escritos e ti traducíchelos graficamente!” Supoño que é un dato a destacar xa que ninguén mellor que ela coñece a súa obra, pero agora xa somos dúas. A colaboración foi  frutífera. “

Máis en CULTURA
Comentarios