A CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

"Begin again", músic@s na procura do suceso

Non é un musical, mais si unha película sobre música. É a proposta do noso crítico para a fin de semana. Pasen e vexan.

Begin Again
photo_camera Un fotograma do filme

BEGIN AGAIN
Ano: 2013
Duración: 104 min.
Coprodución: estadounidense
Director: John Carney
Guión: John Carney
Fotografía: Yaron Orbach
Música: Gregg Alexander
Elenco: Keira Knightley, Mark Ruffalo, Adam Levine, Hailee Steinfeld, James Corden, CeeLo Green, Catherine Keener, Mos Def

SINOPSE
Gretta (Keira Knightley) e Dave (Adam Levine), noivos dende o instituto, recalan en Nova Iorque para cumprir os seus soños musicais. Mais cando Dave alcanza o éxito e a fama no mundiño, este acaba por abandonala. Unha noite Dan (Mark Ruffalo), un fracasado produtor musical, escoita casualmente como Gretta interpreta un dos seus temas nun local. Queda cativado polo seu talento e trata de convencela para gravar un disco xuntos.

CRÍTICA
Primeira película nos USA do escritor, director e músico irlandés John Carney. Retoma en certa forma a mesma temática romántico musical que xa fixera no 2007 en Once, coa que saltou á palestra do panorama internacional e coa que conseguira, entre outros premios, o Óscar á Mellor Canción Orixinal e o Premio do Público en Sundance. Pero que non salten as alertas anti-remakes, que Begin Again non se trata dunha adaptación ianqui daquela marabillosa pequena (gran) película, senón máis ben dunha homenaxe a aquela ao redor das dificultades que supón crear un disco. A historia vai dunha parella de músicos que busca o éxito definitivo en Nova Iorque. Dave (Adam Levine) acada o éxito, pero ao facelo abandona a Gretta (Keira Knightley). Por outra banda está Dan Mulligan (Mark Ruffalo), un maduro cazatalentos que a escoita cantar nun bar. A partir de aquí vai tratar por todos os medios de que Gretta grave con el un disco. A historia é do propio Carney. Está presentada dunha maneira non-lineal onde ao principio conflúen as historias nun mesmo punto de partida. Isto acaba por darlle certa orixinalidade ao conxunto. Do elenco destaca Mark Ruffalo ao que parece que lle vai ao pelo o papel, quizais porque é unha sorte de alter-ego do propio director. Keira Knightley, aínda que demostra boa voz, está bastante sobreactuada. O terceiro en discordia é Adam Levine, o líder dos Maroon 5, no seu primeiro papel na gran pantalla. Outros musico-actores que aparecen son os rapeiros Mos Def (16 rúas, Guía do autoestopista galáctico) e CeeLo Green, tamén debutante no cinema. Produce Judd Apatow (Superfumados, Paso de ti) que abandona os filmes de humor irreverente e aposta por un drama romántico con toques de comedia.

Carney aporta seu punto de vista ao que debería ser o proceso creativo musical dando bastante cera aos postureos hipsters

O director John Carney, outrora baixista do grupo dublinés The Frames, é un melómano empedernido e iso se nota nas súas propostas e temas recorrentes. Trata de plasmar en pantalla as súas filias e fobias con respecto ao mundiño musical que coñece de primeira man. Aportar o seu punto de vista ao que debería ser o proceso creativo musical dando bastante cera aos postureos hipsters, aos produtos prefabricados nas casas discográficas e apuntando tamén a que a musica debería ser gratuíta. Un director-músico que avoga a prol da autenticidade perdida nestes anos que nos está tocando vivir onde toda a música parece feita por un mesmo patrón. Pero parece que no proceso creativo perdeu xusto esa autenticidade que si tiña Once, pero que lle falta a Begin Again. Unha aposta que a priori parecía valente e arriscada, pero que se queda en algo bastante superficial. Porén, logra fuxir de convencionalismos e dos estereotipos do xénero para presentar un filme bonito entorno á musica –que non musical- para falarnos de segundas oportunidades a través de xente real. Perde en comparación con Once, pero entretén e fai pasar un bo rato… que é do que se trata.

Máis en CULTURA
Comentarios