Seis beléns dos máis singulares que se poden montar

Os beléns son, en principio, reproducións tradicionais dunha escena bíblica mais podemos atopar as máis orixinais composicións: do artístico á protesta, do artesanal ao humorístico. Visitamos seis dos beléns máis singulares do país. Algúns están instalados en casas ateas e outros, irreverentes, en templos oficiais. 

Algúns darían ganas de facelos desaparecer, Diante doutros, é fácil que o abraio se impoña. Hainos de todo tipo e experimentáronse con materiais do máis diverso. Mais hai algúns que perduran, que crean tradición por si mesmos e que poderían ser beléns como conxuntos en movemento da máis diversa procedencia. Buscamos algún deles, e escollemos seis. 

-Ourense: a alfaia de Arturo Baltar. 

Unha verdadeira alfaia é esta composición de Arturo Baltar, o belén de Ourense que se expón na capela de Cosme e Damián e que se abre na data que marca oficialmente o inicio das festas da cidade. Non son poucas as persoas que din saír emocionadas deste grande mundo deseñado polo escultor Arturo Baltar cun visíbel contido etnográfico e antropolóxico. A arquitectura tradicional, a vida do mundo rural, os espazos singulares da provincia están reflectidos no extraordinario belén que Baltar comezou a elaborar por encargo nos anos sesenta e que vai alá xa para máis de cincocentas figuras. Arredor do belén estase a elaborar un documental no que Arturo Baltar será o protagonista canda o mundo que imaxinou e no que reflectiu, case á maneira dunha maqueta, a identidade do país. Unha obra de arte que abre as súas portas nestas datas e que se converte nunha razón máis para visitar Ourense. Só o portal coas poucas figuras típicas que rodean ao nacemento evocan o belén. O resto é país en miniatura, maqueta da nosa identidade. 

                               

-Santiago: o belén da protesta. 

O de Santiago é un belén digno de visitar, tan só sexa porque é o protagonista dun conto de Nadal que se repite xa nos dous últimos anos. Consiste en secuestrar unha das pezas do pesebre montado no no centro de Galiza, na Praza do Obradoiro, rescatadas logo cunha mensaxe reivindicativa. Se o pasado ano Xesús era roubado polo colectivo Fartas para denunciar os desafiuzamentos, nesta ocasión Baltasar foi reclamar a dependencias da Xunta dereitos para os inmigrantes. Os dous regresaron á praza mais a súa ausencia fixo deste un dos beléns máis coñecidos do mundo. 

                                   

-Granell, o surrealista 

Pezas da colección de arte étnica compoñen o surrealista belén da Fundación Granell, na praza do Toral de Compostela. Na recepción do museu, como se se tratase dun almacén improvisado, expóñense as obras de arte popular seleccionadas que pouco teñen a ver coa tradicional composición. A multiculturalidade é o signo do belén granelliano. A arte popular de México, Portugal, Porto Rico, Túnez, India, Perú ou Guatemala forman parte da representación na fundación dedicada ao artista surrealista, coleccionista de pezas das distintas tradicións do mundo. 

                                  

-Beléns de Xermade: Escenas contra os recortes  

María entrega ao seu fillo recen nacido a San Antonio porque non ten recursos para crialo. Lois Rodríguez Patiño, o párroco imprimiulle un ton reivindicativo a todos os beléns que montou nas distintas parroquias que atende. Desafiuzamentos, autocolantes, o portal precintado ou a vida de beneficencia que se impón coa crise son algúns dos temas dos beléns-protesta de Patiño. 

                                  

-A montaxe de Valga. Da Pantoja a Angrois. 

Difícil de definir é o belén de Valga, un dos máis visitados do país que agarda neste ano recibir arredor de 40.000 persoas. De grande dimensión, con moitas estampas movíbeis, o belén de Valga mestura sen orde de continuidade escenas do relato do nacemento de Xesús canda outras do ano que remata e que, nesta ocasión, se centran no accidente de Angrois, nos programas televisivos de Mariló Montero ou Sálvame, a Operación Malaya cunha afectada Isabel Pantoja ou a xa tradicional imaxe de Carolina Otero bailando, a figura internacional natural de Valga. A Xunta declarou recentemente esta curiosa montaxe de Interés Turístico de Galiza. 

                                 

-Ribadeo: entre cerámica e bolillos. 

Elaborado polos artesáns da comarca, pódese visitar na Oficina de Turismo de Ribadeo. O grupo de artesáns “Obradoiros con Alma” confeccionaron cada unha das pezas deste belén feito a man na súa totalidade e que inclúe figuras que van desde a cerámica de Otero Regal, Miriam Viveiro, Lucía Catuxo, Estéfano Gundín ou Chus Lage, ás pezas de carpinteria de Miguel Fernández, Felix Paz ou Francisco Fra, o encaixe de Mª Luz Mendez ou o traballo das redeiras de Cabo Burela. Clausurarase o 31 de xaneiro. 

                            

Máis en CULTURA
Comentarios