Carballiño: Un cuarto de século de Festival de Teatro Galego

O Festival de Teatro Galego chega no 2014 ao seu 25 aniversario. Durante catro días poderanse ver no Carballiño os principais espectáculos teatrais das compañías galegas.

bye bye honey

O Festival de Teatro Galego, que con carácter anual decorre no Carballiño, chega neste 2014 á súa 25ª edición e para celebralo reunirá entre o 2 e o 5 de setembro ás principais compañías das artes escénicas de toda Galiza. O Festival contará cunha programación nocturna, dirixida ao público adulto, na que cunha entrada de 8 euros os asistentes poderán desfrutar de montaxes de gran categoría como ‘Bye, bye honey’, da compañía Obras Públicas, galardonada con 2 premios María Casares este ano. Tamén pasarán polo Auditorio do Carballiño a compañía Lagarta Lagarta co seu espectáculo ‘O país do Pato Donald’. E ‘Misterio Cómico’, de Teatro do Morcego, será outro dos espectáculos que forman parte desta 25ª edición precisamente no momento en que esta compañía teatral tamén cumpre un cuarto de século nos escenarios.

O último día, 5 de setembro entregaranse ademais os Premios FETEGA 2014, nunha gala na que Pistacatro deleitará aos asistentes co seu espectáculo de malabares e teatro Impreuna. O Festival complétase ademais cunha detallada programación de carácter gratuito na súa maioría, diaria e diurna para o público máis novo. Así, Teatro Ghazafelhos, Fantoches Baj, Magín Blanco, Raquel Queizás, A Tropa de Trapo e Martín Camiña ofrecerán diferentes espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar, algún deles incluso específico para bebés, en horario de mañá e de tarde no Anfiteatro e na Casa da Cultura do Carballiño. Obradoiros de malabares e instrumentos do mundo na praza do Concello, magos e algunha que outra sorpresa máis redondearán a programación.

Máis en CULTURA
Comentarios