Crítica de cinema: o quinto poder

Na crítica desta sexta feira é a quenda de O quinto poder (The Fifth Estate)

The-Fifth-State

O QUINTO PODER

Título orixinal: The Fifth Estate

Ano: 2013

Duración: 124 min.

País: Estados Unidos

Director: Bill Condon

Guión: Josh Singer

Música: Carter Burwell

Fotografía: Tobias Schliessler

Reparto: Benedict Cumberbatch, Daniel Brühl, Carice van Houten, David Thewlis, Laura Liney, Stanley Tucci

SINOPSE

Julian Assange (Benedict Cumberbatch) e Daniel Berg (Daniel Brühl) fundan WikiLeaks, un portal que permite denunciar de forma anónima calquera delito gobernamental ou corporativo e filtrar documentos confidenciais poñendo en perigo aos poderosos. En pouco tempo pasan a ser unha molestia para moitos países e organizacións que van tentar boicotear e paralizar ese traballo de divulgación de segredos. Van ter complicado paralizalos xa que teñen a centos de persoas traballando para WikiLeaks aportando información privilexiada, a non ser que alguén desde dentro sabote o sistema e borre os documentos.

CRÍTICA

O redondelán Ignacio Ramonet, gran activista do movemento anti-globalizacón, comenta sobre o quinto poder que periodistas, universitarios, militantes de asociacións, lectores de diarios, oíntes de radio, telespectadores, usuarios da internet, todos se unen para forxar un arma colectiva de debate e de acción democrática. Os globalizadores declaran que o século XXI sería o das empresas globais; mais a asociación Media Watch Global afirma que será o século no que a comunicación e a información pertencerán finalmente a todos os cidadáns. A premisa dunha película que aborde a temática do quinto poder é boa, e contar a historia do visionario creador de WikiLeaks Julian Assange aínda mellor. Pero quédase niso: unha mera premisa; porque estamos ante a peor película do outono, e case de seguro nunha das 5 peores do ano. Ao marxe de ideoloxías e de estar de acordo ou en desacordo coa maneira co que se conta a historia, a película fai augas por todas partes. Mal dirixida por Bill Condon, que por certo non fixera nada decente tras “Deuses e Monstros”, e iso foi no 98. Xa choveu. Opta por recursos de serie de televisión barata: molestos zooms entrecortados, movementos rápidos de cámara e un abuso constante do plano-contraplano. Máis parece un episodio piloto que non quere ningunha televisión e que logo a poñen un sábado pola tarde para cubrir oco na grella. O guión está baseado no libro que escribiu o propio co-fundador Daniel Berg e que semella estar escrito con máis despeito que rigor, debido a que Berg acabou ás malas con Assange. Por un momento semella que tentan ser imparciais e apuntar varios puntos de vista diferentes; pero nada máis lonxe. Poñen de actor a Benedict Cumberbatch que sobreactúa tanto que fai parecer un perigoso desequilibrado esquizoide ao fundador de WikiLeaks. A cousa cheira. Polo contrario Daniel Brühl carece de profundidade dramática e parece o bo do conto. O resto de actores tamén está en horas baixas. Nin a presenza de Carice van Houten (“O libro negro”), Laura Linney (“Mystic River”) ou David Thewlis (“A illa do Dr. Moreau”) logran maquillar un pouco o conto. Os diálogos non están traballados e tampouco saen do típico guión de thriller. Nada novo que aportar salvo un punto de vista sospeitosamente partidista. Máis de dúas horas de película previsible en formato televisivo que fará invocar a Morfeo a máis de un/unha. Mediocre, larga e aburrida, e por riba desprestixia a imaxe dunha das poucas persoas que tivo os arrestos de enfrontarse ás máis poderosas multinacionais e a países enteiros. Non perdan o tempo.  

Máis en CULTURA
Comentarios