CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Danko Jones: Wild Cat

Cada disco de Danko Jones contén todo o que calquera amante do rock precisa, temas directos, contundentes ao tempo que sinxelos. E iso é o que nos agasallan con este Wild Cat, 11 trallazos curtos que se despachan en apenas 40 minutos  e que deixan con ganas de máis.

Poucas veces xorden tríos coma o destes canadianos aos que les flúe o rock polas veas e que destilan autenticidade por cada nota que interpretan. Cando no mundo musical cada vez máis se fan as cousas para vender, sempre é de agradecer que apareza alguén que faga as cousas porque lle gustan e lle divirten, sen medo a amosar as súas como é o caso de Danko Jones, no que se notan claramente en sen desfraz as influencias de Misfits, Van Halen, e por suposto Thin Lizzy.

A máis que atinada  apertura de I Gotta Rock é unha carta de presentación do que espera ao longo do disco. Cargando as pilas, se cadra  con un toque máis melódico do que se esperaba, pero con unha potencia in crescendo que fai seguir o ritmo con calquera parte do corpo, aínda que non queiras. É o preludio ideal para o que foi elixido como primeiro sinxelo do disco My Little RnR. Estamos ante un tema totalmente radiable e melódico pero sen esquecer que estamos ante unha das mellores bandas de rock da historia, cousa que conseguen co espectacular Going Out Tonight, un dos mellores temas deste álbum.

You Are My Woman é un tema que ben podería estar composta por Thin Lizzy,  e no que a banda xa se solta, con uns riffs que nos retrotraen á época na que Phil Lynott triunfaba polos escenarios de todo o mundo.  E lembrando que eles tamén levan 21 anos triunfando nos directos, aparece Let’s Do This Everynight, un tema ao máis puro estilo Danko Jones nos seus riffs,  melódico e con forte presenza do baixo que lle dá peso e contundencia. Con Let’s Start Dancing, aceleran a tope creando un tema frenético tanto na súa liña vocal como rítmica que non entra a primeira escoita, pero que segundo pasa o tempo vaise convertendo nunha das imprescindíbeis do repertorio da banda. 
Cunhas guitarras que lembran Van Halen, e un retrouso puramente oitenteiro e pegadizo aparece Wild Cat, o tema homónimo. No que seguen coa progresiva complexidade compositiva do plástico, pero sen perder a esencia propia. She Likes It, co seu ritmo machacón e seus licks, onde a guitarra dá prioridade ao silencio para  brillar coas súas aparicións, marca a recta final do disco, onde tal como nos teñen acostumados agardan as mellores perlas, proba diso é Success in Bed, que co seu ritmo sincopado e tinguido de bluesrock e cunha clara carga sexual na súa letra lévanos de novo as bases sobre as que se creou o rock.

Diamond Lady é outro dos meus temas favoritos deste disco. Un tema cun aire de garaxe e un riff que perfora a sen até eclosionar nun retrouso grandilocuente. Simplemente xenial. Pechando o disco soa Revolution (But Then We Make Love), un tema que reflicte o espírito da banda e a súa proposta musical.

Este novo traballo de Danko Jones supera as expectativas do que agardabamos e confirma a boa firma deste trío canadiano que segue facendo historia con cada disco que edita e transmitindo toda a súa forza en cada un dos seus directos.

DANKO JONES NAS REDES
WEB:  www.dankojones.com
FACEBOOK: http://www.facebook.com/dankojones
TWITTER: @dankojones

LISTAXE DE TEMAS
1. I Gotta Rock
2. My Little Rock ‘n’ Roll
3. Going Out Tonight
4. You Are My Woman
5. Do This Every Night
6. Let’s Start Dancing
7. Wild Cat
8. She Likes It
9. Success in Bed
10. Diamond Lady
11. Revolution But Then We Make Love

Comentarios