Discos da Máquina prepara un EP cos seus “monstros”

Monstros da Máquina. Vol. I é o título do primeiro EP temático colectivo do selo cooperativo Discos da Máquina. Conterá cancións inéditas de todas as bandas do proxecto dedicadas a distintos personaxes e sairá para fins da primavera. 

Ataque Escampe
photo_camera Ataque Escampe

A cadela Laika, Apóstolos Mangouras, Lance Armstrong ou Antoine de Sant-Just son algunhas das figuras ás que as bandas de Discos da Máquina lle dedicarán cancións no EP Monstros da Máquina. Vol. I que agardan sacar por volta de fin da primavera. 

A Magnifique Bande dos Homes sen Medo, Ataque Escampe, Caxade, Das Kapital, Grampoder, Sub Rosa e The Lost Omelette-makers, son as sete propostas musicais que gravarán cadanseu tema nun EP que ese financia cos cartos que aportaron as persoas asistentes aos concertos que en decembro conmemoraron o primeiro aniversario do selo e xa se pode encargar a través da súa páxina web. 

De Grecia ás noites de agosto

Discos da Máquina festexaba no pasado decembro o primeiro ano de vida no que o seu logotipo se inseriu nalgúns dos traballos que deron máis que falar na nova escena musical galega. Grecia, segundo disco de Das kapital, Golf Whiskey, primeiro de Grampoder, Noites de agosto, con Ataque Escampe e A dança dos Moscas, o agardado e exitoso primeiro traballo discográfico de Caxade naceron cunha etiqueta común que identificaba a un proxecto autoxestionado por membros das propias bandas. 

Coa distribución e a promoción como obxectivos privilexiados, Discos da Máquina mantense sen sede física e con xuntanzas en lugares dispares artelladas en cinco campos de traballo: prensa, internet, distribución, economía e pedidos. 

Alén do novo traballo colectivo, en preparación teñen un novo título de The Lost Omelette-Makers, outro LP de Ataque Escampe e un single de Grampoder, Tigerland.   

Máis en CULTURA
Comentarios