A CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

"Doulles un ano", a "anticomedia" romántica

Nat (Rose Byrne) e Josh (Rafe Spall) van casar, a pesares de seren completamente diferentes: Nat é activa e sofisticada, mentres que Josh é un novelista reflexivo e algo extravagante.

.
photo_camera .

Título orixinal: I Give It a Year
Ano: 2013
Duración: 97 min.
Nacionalidade: Reino Unido
Director: Dan Mazer
Guión: Dan Mazer
Fotografía: Ben Davis
Música: Ilan Eshkeri
Elenco: Rose Byrne, Rafe Spall, Anna Faris, Simon Baker, Jason Flemyng, Minnie Driver, Stephen Marchant, Olivia Colman, Jane Asher

SINOPSE

Nat (Rose Byrne) e Josh (Rafe Spall) van casar, a pesares de seren completamente diferentes: Nat é activa e sofisticada, mentres que Josh é un novelista reflexivo e algo extravagante. Nin os amigos nin a familia ven futuro na relación, mais eles pensan que se logran chegar a un ano de casados as cousas cambiarán por si soas.

CRÍTICA

"Un lixeiro sopro de aire fresco na carteleira para contrarrestar a cota de pantalla cuberta por películas ianquis edulcoradas"

Dos creadores de Love Actually, Notting Hill e Catro vodas e un funeral chega o debut cinematográfico de Dan Mazer, escritor e produtor de comedias coma Borat (2006, Larry Charles) ou Ali G (2002, Mark Mylod). En Doulles un ano non se desfai dese humor incómodo e da flegma británica tan representativa dos filmes protagonizados por Sacha Baron Cohen que tamén lle supuxeron o asalto á fama do cómico londiniense. Conta a historia de Nat e Josh, unha parella que se casa ao pouco de coñecerse. A voda non é tan romántica coma era previsto, e tras a lúa de mel os problemas conxugais son xa máis que evidentes. Con todo deciden pedir axuda profesional para intentar salvar o matrimonio. Pero as cousas, lonxe de solucionarse, comezarán a complicarse cando aparecen en escena Chloe (Anna Faris), a ex-moza de Josh, e un atractivo empresario norteamericano (Simon Baker) co que Nat terá que facer negocios.

Doulles un ano é o prototipo de “anti-comedia romántica” por definición. Conta con todos os ingredientes das comedias románticas, pero dálles unha volta. E faino dunha maneira bastante intelixente. Apóiase nun reparto onde destaca o cómico Stephen Merchant (visto na serie The Office) nun papel secundario de “amigo raro” que vai sacar máis de unha gargallada. Como dúo do que beben os ventos os protagonistas sae Simon Baker (o famoso Patrick Jane da serie O mentalista) facendo de galán, como non podería ser doutra maneira, e Anna Faris (Scary Movie) coma coitada ex-parella do noivo.

O de Faris parece ser o único papel que desentoa un pouco. Non lle acae demasiado ben o rol. Cousa que si pasa entre a australiana Rose Byrne (Insidious) e o británico Rafe Spall (A vida de Pi) que desenrolan unha convincente anti-química, só superada pola, exaxeradamente divertida que manteñen Jason Flemyng (Amence en Edimburgo) e Minnie Driver (Círculo de amigos). Cunha banda sonora ben escollida con cabida para Eurythmics, Paul Weller ou o grupo escocés Snow Patrol, e unha renovada factura cun elenco bastante ben conxuntado, logra unha revitalización das comedias made in Working Title. Un lixeiro sopro de aire fresco na carteleira para contrarrestar a cota de pantalla cuberta por películas ianquis edulcoradas. Para botar unhas risas. Sen máis. 

Máis en CULTURA
Comentarios