Finou ‘O Ribeira de Louzarela’, de Pedrafita do Cebreiro, un dos últimos brindeiros. Os brindos son coplas de catro versos con rima par que se interpretaban nas vodas. A cadea de montañas do oriente galego foi sempre rica en brindeiros, que noutras partes do país din regueifeiros. Antonio Río principiou con apenas 13 anos a facer 'brindos' e durante estas décadas convertiuse nunha referencia no mundo da improvisación na Galiza.
A central folque editou o CD-libro O Ribeira de Louzarela, brindador da dentro. Un traballo que permitiu aproximármonos “á microhistoria deste último brindador de Pedrafita do Cebreiro abrindo a porta a toda unha tradición dos cantos dialogados de voda”.
Con texto do filólogo e improvisador oral Kike Estévez e a análise musical de Pablo Bernárdez, este libro pertence á colección Chave Mestra da Central Folque.
En 2018, na parroquia de Louzarela, inaugurouse un monumento a Antonio Río nun acto no que tomaron parte perto dun cento de persoas.