Albums de aquí e acolá / Miguel Mosqueira

“De Frank Zappa aprendín que todo está permitido”

Da guitarra de Miguel Mosqueira (Lalín, 1982) proceden algunhas das máis inconfundíbeis melodías do pop galego contemporáneo. É un dos tres membros fundadores que resisten en Ataque Escampe, organizados en 2001 e responsábeis dunha cromática e singular traxectoria. Entre o infrarock acústico dos inicios e o tropicalismo agridoce do último traballo -Primeiros Bicos (2017)-, a banda pecorreu as estradas principais e secundarias da música do país.

Ataque escampe
photo_camera O guitarrista de Ataque Escampe Miguel Mosqueira nun fotograma do último clip da banda.

“Vou escoller dous discos con máis de 40 anos para así ter mellor perspectiva. E estes dous envelleceron moi ben”, avanza Mosqueira en resposta a Albums de aquí e acolá. O primeiro deles é Apostrophe ('), de Frank Zappa, publicado en 1974. “É un disco que me gusta desde a adolescencia”, lembra, “e dentro do diferentes que son as súas obras, aquí hai maior contención”.

frank zappa - apostrophe (') (cuberta, 1974)

O músico americano, indomábel e propietario dun brutal sarcasmo, tendía musicalmente a certa dispersión. Jazz rock, influencias académicas, parodia doo wop, psicodelia desenfreada, intensidade, nada quedaba á marxe da súa trituradora. Un salvaxe enfrontamento contra as elites nutría a súa lírica. En Apostrophe ('), como noutros elepés da época -Overnite Sensation (1973), nomeadamente-, o formato canción adquire protagonismo. Relativo, claro: trátase de Zappa.

“Transmite a idea de que todo é posíbel na música”, afirma Mosqueira, “de que todo está permitido, e podes romper a canción, ires a un interludio, calquera cousa. E ten soul, pop, mesmo un pouco de disco music”. Algo desa táctica mestiza entremeteuse en Ataque Escampe. O disco vermello (2014) ou Primeiros Bicos amplían o campo de xogo, abrogan fronteiras e incorporan ritmos máis alá da estreita tradición aglosaxoa que aínda domina o pop rock.

A escolla galega é de moi outra xínea, pero practicamente coetánea. “Quero reivindicar Rosalía de Castro, de Amancio Prada”, di, “porque, talvez a causa de razóns extramusicais non ten o recoñecemento que merece”. Obra de Amancio Prada que viu luz en 1975, Rosalía de Castro contén 12 poemas da autora de Follas Novas exquisita e acusticamente arranzados.

amancio prada - rosalía de castro (cuberta, 1975)

“Agora que se fala tanto da canción de autor, das músicas de raíz, e de intérpretes e artistas do Estado como Rosalía ou Silvia Pérez Cruz, penso que este disco de Prada é mellor ca moitos deles”, considera sobre unha obra que pon á altura de autores internacionais como Bonnie 'Prince' Billy ou Sufjan Stevens. “Posúe boas melodías e arranxos sutís que funcionan moi ben”,  resume.

Mais, sobre todo, salienta a “emoción que transmite”. Aquel elepé, que fai parte dunha certa idade dourada do folk pop galego -co debut de Luís Emilio Batallán, o Por que no mundo mengou a verdade de Quintas-Canella ou os experimentos máis arrimados ao rock de Bibiano-, chegou a ser emblema. “Non coñezo moitos casos tan perfectos de poñer música a poemas”, conclúe Miguel Mosqueira.

Máis en CULTURA
Comentarios