Máis

Os Irmandiños toman Moeche

O despotismo dos señores feudais foi o principal xerme da revolta irmandiña, considerada como a maior sublevación labrega contra os poderosos na Europa do século XV. A veciñanza de Moeche (Ferrolterra) conmemora este feito a través do seu Festival Irmandiño, que celebra nesta edición os seus 45 anos de historia.
O castelo de Moeche brilla baixo as luces dos fogos de artificio. (Foto: César Galdo / Entremedias Comunicación)
photo_camera O castelo de Moeche brilla baixo as luces dos fogos de artificio. (Foto: César Galdo / Entremedias Comunicación)

Ocastelo de Moeche foi erguido por encargo de Fernan Pérez de Andrade "O Bo" a finais do século XIV. Grazas á súa antigüidade e características, é a construción máis destacábel de Moeche (Ferrolterra). Algunhas persoas expertas na materia manteñen que en realidade foi García Rodríguez de Valcárcel, señor das Pontes (Eume) e tamén nalgún punto de Moeche. O escudo desta familia nos muros do castelo apórtanlle veracidade a esta versión, aínda que ningunha está confirmada como certa.

A edificación, declarada Ben de Interese Cultural, é un claro exemplo da arquitectura do século XV. Posúe planta poligonal, protexida na parte oeste cun foxo escavado nas rochas. A entrada sitúase ao leste cun baluarte de planta irregular para unha mellor defensa da fortaleza. Posúe sete sectores e dúas poternas para o coidado do foxo. Desde o baluarte accédese ao patio de armas, no que converxen as estancias do inmóbel. A torre da homenaxe, de planta cadrada, é unhas das partes mellor conservadas do castelo. Presenta grosos muros de cachotaría, é dicir, a base de anacos de pedra de forma irregular, xunto con pavimentos de grixo e herba. Na actualidade, aínda se conservan algúns escudos de armas e arcos de medio punto nas fiestras. 

As revoltas

O despotismo e incumprimento dos compromisos por parte dos señores feudais comezou a deteriorar as relacións co resto da poboación, principalmente cos labregos e labregas. Foi en 1431 cando o fidalgo Roi Xordo fundou a Irmandade Fusquenlla, unha agrupación do campesiñado para apoiarse entre eles. Estas irmandades tiveron o seu esplendor entre 1466 e 1469, período no que se produciron a maior parte de asaltos e destrucións de fortalezas e castelos na Galiza.

As vagas de Roi Xordo e os irmandiños ían contra Nuño Freire de Andrade, "O Mao". Cando se dirixían a asaltar o castelo de Moeche, o señor xa escapara cara á residencia dos Andrade en Pontedeume (Eume). A resposta irmandiña foi prenderlle lume e derrubar a edificación, símbolo do poder feudal. Cando a Revolta Irmandiña foi sufocada no ano 1469, Pedro Álvarez de Osorio, conde de Lemos, obrigou o campesiñado a reconstruír o castelo de Moeche empregando o seu diñeiro e man de obra.

O castelo sufriu un período de abandono a partir do século XVIII. En 1890, a Casa de Alba tentou poxalo aínda que a idea non chegou a termo grazas á presión exercida pola veciñanza, que non quería perder o seu símbolo máis emblemático. O castelo segue a ser propiedade dos Alba, mais foi o concello de Moeche o encargado da súa rehabilitación desde finais do século XX. 

O Festival Irmandiño

"Nos anos 80, o castelo estaba nun estado bastante deplorábel. A creación da festa foi en parte unha acción do pobo, que buscaba darlle certa repercusión ao seu castelo para que as institucións visen as súas malas condicións", relata Alexandre Campos, presidente da Asociación Cultural Irmandiños de Moeche a Nós Diario. Buscaban unha posta en valor da música, da cultura e a historia da Galiza e por iso escolleron este feito histórico acompañado da mellor música folk.

Hoxe, o Festival Irmandiño de Moeche comeza a súa XLV edición, que se estenderá até este domingo cun programa cheo de actuacións musicais, actividades para as crianzas e representacións históricas. Encetarase a loita irmandiña cunha foliada popular con grupos da contorna. Campos relata que é un punto emotivo do festival, porque serve de reencontro coas persoas da vila, que, coma el, viven fóra o resto do ano. 

Actuacións musicais, actividades para as crianzas e representación históricas nos 45 anos do Festival Irmandiño de Moeche

Mañá é o día clave do Festival Irmandiño, que ten lugar grazas ao convenio asinado entre a asociación e o concello rexido pola alcaldesa Beatriz Bascoi e mais grazas á colaboración da área de Cultura da Deputación da Coruña. Ao ser unha cita moi familiar, haberá actividades para todas as franxas de idade, comezando pola sesión vermú ás 13.30. Pola tarde, a cativada terá o seu espazo a través de actividades coas que poderán coñecer a historia do castelo. Será ás 17.30 horas cando se celebrará o asalto ao castelo infantil con globos de auga como única arma. 

Tras o remate da batalla, chegarán os xogos tradicionais xa máis enfocados na mocidade e un público máis adulto. Carreiras de zancos, lanzamentos de alpacas ou tiro á corda, entre outros, serán algunhas das actividades de lecer. 

Os concertos comezarán arredor das 21.30 con Nimbos, un grupo de xente moza que aposta pola música tradicional. Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre tomarán o relevo musical e servirán de entrante para o asalto ao castelo, que se celebrará xusto despois. É o punto álxido de todo o Festival Irmandiño, momento no que a veciñanza tomará a fortaleza armada cos fachóns. Este ano, o pregoeiro será Xosé Luís Rivas, máis coñecido como "Mini", cantautor e compositor da Galiza. Foi membro de grupos de música tan emblemáticos como Fuxan os Ventos ou A Quenlla. "Desde a organización, estamos encantados coa súa presenza, xa que é todo un referente musical e na transmisión da cultura da Galiza", relata Alexandre Campos. 

O castelo lucirá aínda máis no seu día grande coa iluminación e os posteriores fogos de artificio. Xa entradas nas horas da madrugada, a Banda das Crechas continuará o espectáculo, amosando o seu gran talento musical e tradicional. A canción protesta de Loita Amada será a última actuación musical da xornada. O domingo celebrarase unha gran comida campestre ao pé do castelo, na que as persoas asistentes poderán desfrutar da papatoria xunto coas actuacións de No Cómbaro e Faíscas da Pontagra, fechando os parabéns ao Festival Irmandiño polos seus máis de corenta anos promovendo a historia e música da Galiza.

Campos mantén que esta fin de semana é o momento perfecto para visitar o Castelo de Moeche meténdose a fondo nos feitos históricos e conectando cunha veciñanza moi comprometida coa organización da festa desde hai anos. Diferentes aspectos do Festival Irmandiño, como a aposta por manter e embelecer o castelo, o compromiso coa vila por parte de veciñas e veciños que levan desde os inicios na organización ou a proposta conxunta por sacar adiante a xornada, son mostras de que o sangue irmandiño dos seus devanceiros segue a latexar nos corazóns dos de Moeche.

Comentarios