Lóuzara, Pobra do Brollón e Parada do Courel coa “luz” de “Lampíricos” de Antón Lopo

Santalla de Lóuzara, A Pobra do Brollón e a casa de Uxío Novoneyra en Parada do Courel son os tres novos escenarios para “Lampíricos”, o espectáculo-performance de Antón Lopo que inicia unha xira promovida pola área de Cultura da Deputación de Lugo. 

“Lampíricos”, a performance do escritor e xornalista Antón Lopo, visita nestes días espazos singulares de Samos, Pobra de Brollón e Folgoso do Courel nunha xira promovida pola área de Cultura da Deputación de Lugo. 

A terza feira ás 19.30 horas, será a Escola de Santalla de Lóuzara, no Concello de Samos, o espazo que acolla “Lampíricos”, nunha acción que conta coa colaboración da Asociación Cultural Ergueitos. Para o 14 de agosto ás 22.30 horas, Antón Lopo levará a súa performance á  Casa do Izquierdo en Cereixa (A Pobra do Brollón) e o 15 e 16 de agosto ás 21:30 horas a representación terá lugar na Casa Uxío Novoneyra en Parada (Folgoso do Courel), en colaboración coa Fundación Novoneyra.

En “Lampíricos”, o artista conxuga a palabra e a luz, o corpo e a poesía para dar conta do desastre da nosa contemporaneidade, da quebra social producida por unha crise que afecta á colectividade e tamén aos individuos. 

Artista "radical"

A nova proposta leva ao límite as liñas de traballo que Antón Lopo visitou nos últimos anos, nun espectáculo extremo que inqueda e consegue non deixar indiferente ao público. A poesía feita texto, a capacidade corporal de se manter en acción durante todo o espectáculo cunha proposta na que a oralidade é continua, a videocreación e a performance, alén da crítica e a poesía conceptual danse a man neste espectáculo que é reflexo artístico do noso tempo. 

O xermolo do espectáculo naceu nunha estadía en Essaouira, e bebe do sufismo marroquí. Antón Lopo converte corpo e expresión en poesía, nunha  proposta, en certa maneira, herdeira da súa obra Prestidixitador, das novas formas de indagar deste “poeta disconforme, dismoderno”, como el se define na súa condición tamén de artista radical que opta, nesta ocasión, por ser autónomo na súa capacidade creativa.  

“Máis que nunca é necesario sacar a luz que temos, que sexamos autónomos coa nosa luz para crear constelacións conxuntas” explica Lopo que, a través da iluminación permite ver e ser visto. Proposta híbrida a de Lopo, conxunción de linguaxes e xéneros, intervención a través da poesía que se expresa non só en palabras. “Estou aquí pola urxencia, eles están armados” comenta. E quen son eles? “Eles son os que teñen os fondos de futuro, os que estiveron especializando a especie na especulación, na violencia, os que disparan, os que saquean”. 

Unha viaxe de arte

Como unha “viaxe do máis abstracto ao concreto” deste home ao que, como xornalista, lle gusta observar a sociedade, e que constrúe a través da poesía un proxecto no que se entrelazan terror e acción. “Vivimos unha época de terror, de medo tamén que compre superar, e iso require á súa vez acción” explica o poeta desde a súa “dismodernidade” na que afonda, máis unha vez, no concepto de identidade, da atomización e o individualismo dos nosos tempos que compre unir para fundar un proxecto común. 

David Granha na música, Manolo Martínez no deseño gráfico, Tono Arias na fotografía, Pixi e Xoán Villar no labor videográfico, María Salvado na iluminación, Eloy Lesmills na coreografía, o músico Davide Salvado, Carlos Neira, Miguel Ángel Arce, Pumpún Dixital, Xosé Luís Álvarez, Carme Breixo e Soedade Noia.
 
A obra de Antón Lopo representouse por vez primeira diante do público na Galería Dispara da Estrada e, desde entón, programouse no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), na Capela de San Pedro de Monforte de Lemos, no Labranza de Bueu, no Museo de Arte Contemporánea Mohamed Driss de Tánxer, na Sala Chela Mar de Málaga ou na Cripta da Deputación de Lugo do Pazo de San Marcos. 

Máis en CULTURA
Comentarios