CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Mad Max'

Mad Max

MAD MAX: FURIA NA ESTRADA
Título orixinal:
Mad Max: Fury Road
(Australia 2015, 120 min.)
Directora: George Miller
Guión: Nick Lathouris, Brendan McCarthy e George Miller
Fotografía: John Seale
Música: Junkie XL
Elenco: Tom Hardy, Charlize Theron, Nicholas Hoult, Hugh Keays-Byrne, Josh Helman, Nathan Jones, Zoë Kravitz, Abbey Lee, Rosie Huntington-Whiteley, Angus Samspon

SINOPSE
Max Rockatansky (Tom Hardy) é apresado polos secuaces de Immortan Joe (Hugh Keays-Byrne), o tirano señor da Ciudadela, onde será utilizado como sustento alimenticio. Tras un golpe do destino logra escapar, pero terá que colaborar coa salvaxe Imperator Furiosa (Charlize Theron) para poder sobrevivir dos perseguidores.

CRÍTICA 
Moita expectación había posta no retorno á gran pantalla de Mad Max, sobre todo no referente a se Tom Hardy podía estar á altura do orixinal: Mel Gibson. A presenza dunha rapaza, e irrecoñecible, Charlize Theron coma salvaxe amazona motorizada evita calquera debate ou comparación (odiosa) entre o vello Max e o novo. Un desvío de atención en toda regra máis que acertado, pero non o único acerto. George Miller -director de toda a saga- revisita o seu propio universo post-apocalíptico sen alterar demasiado os conceptos da franquía pero collendo, iso si, o mellor da primeira (Salvaxes da Autoestrada) e terceira parte (Máis aló da Cúpula do Trono). 

Furia na Estrada sería unha especie de pre-secuela situada nun momento indeterminado entre a primeira e a segunda parte

Dito isto, Furia na Estrada sería unha especie de pre-secuela situada nun momento indeterminado entre a primeira e a segunda parte. Unha brutal presecuela en clave de western chea de acción, humor, hipertrofia e unha recua de malvados bizarros que firmaría o mesmísimo David Lynch (Dune) ou Jean-Pierre Jeunet (Delicatessen). O principal malo malísimo, pero non o único, é Immortan Joe, o sádico amo e señor da Ciudadela: un dos derradeiros paraxes do planeta onde aínda queda auga que reparte a vontade para seguir dominando aos uns súbditos desesperados e famentos. Está interpretado por Hugh Keays-Byrne, o mesmo que interpretaba a “Cortauñas”, némese de Max Rockatansky na primeira parte da saga. Un chisco que aporta un punto de misticismo posto que Miller non aclara nin desminte que sexa a mesma personaxe “resucitada”... 

Mad Max 2Na secuencia inicial os secuaces de Immortan Joe apresan ao bon de Max. Un trepidante comezo que ben podería encabezar calquera de Indiana Jones e que pon ao persoal en situación de que o conto vai ser unha verdadeira montaña rusa de exceso e diversión. Pronto aparece Imperator Furiosa (Charlize Theron) ao volante dun inmenso camión e con cara de poucos amigos. Pouco a pouco vanse presentando máis personaxes pasados de voltas: Nux, un secuaz de Immortan Joe con certas dúbidas existenciais interpretado por Nicholas Hoult (Memorias dun Zombie Adolescente); o forzudo Rictus Erectus (Nathan Jones); o caracortada Slit (Josh Helman); o arrepiante Comedor de Xente (John Howard) e toda unha banda de valquirias que porán a beleza e o contrapunto feminino a tanta testosterona. 

A película non ten desperdicio. Profusa de principio a fin, pero tamén unha gozada para os sentidos

A película non ten desperdicio. Profusa de principio a fin, pero tamén unha gozada para os sentidos. Case se pode ulir o cheiro a gasolina e o sentir a calor do lume.... Acción sen respiro, personaxes grotescas, humor negro, xiros de guión e algunha que outra sorpresa para manternos pegados á butaca as dúas horas de duración, e con ganas de máis. Atención especial á banda sonora. Unha música que ten unha presenza destacada ao punto de estar personificada nunha personaxe delirante que acompaña o escuadrón motorizado de Immortan Joe durante todo o filme subido coa súa guitarra eléctrica botalapas en riste, pantallas acústicas a todo dar e unha recua de percusionistas que por momentos parecen entoar o Roots de Sepultura. Xenial ida de olla... 

Aínda que rodada a cabalo entre Australia, Namibia e Sudáfrica, non falta o “plano australiano”, ou a colocación da cámara en movemento a rentes do chan, inventado polo propio George Miller ou cando menos, o primeiro que o empezou a utilizar con fines narrativos. Como era de esperar, o tamén australiano John Seale (O Paciente Inglés) non ten dificultade algunha en mimetizar este recurso na súa excelente fotografía. Todo isto e moito máis nun anárquico western retropunk de pura diversión que, por suposto, non hai que tomar moi en serio. 

Máis en CULTURA
Comentarios