Os María Casares xa teñen propostas

Dúas ducias de espectáculos presentáronse aos premios María Casares, os galardóns que cada ano entrega a Asociación de Actores e Actrices de Galicia que chegan a súa XVIII edición. A condición, estreárense no 2013. 

 .
photo_camera .

O Premios de Teatro María Casares chegan a súa maioría de idade con dúas ducias de espectáculos propostos, dos que sairán os nomes das candidaturas ás trece categorías que, xunto co Premio de Honra “Marisa Soto” se entregan anualmente nunha gala celebrada na Coruña arredor do Día Mundial do Teatro. 

Creados en 1997, os premios buscan servir de “estímulo e recoñecemento ao labor desenvolvido pola profesión teatral galega”, e operan tamén, en cada edición, como observatorio da situación dun sector que atravesa momentos especialmente difíciles. 

Membros da AAAG ademais de programadores, críticos e nominados de edicións anteriores, escollerán entre os distintos espectáculos e profesionais os nomes gañadores desta nova edición nas categorías de Maquillaxe,Vestiario, Iluminación, Música Orixinal, Adaptación/Tradución, Texto orixinal, Escenografía, Actor secundario, Actriz secundaria, Actor protagonista, Actriz protagonista, Dirección e Espectáculo. A Xunta Directiva da AAAG elixe o Premio de Honra “Marisa Soto” que destaca unha traxectoria profesional do mundo do teatro.   

Desta volta, destacan, entre outras cousas, a reaparición da compañía creada por Vidal Bolaño, Teatro Antroido, a multipremiada nos galardóns Sarabela Teatro coa súa última obra, a nova e exitosa proposta de Chévere, "Eurozone", unha nova peza de Voadora,  premiados na edición anterior, a presenza sólida do teatro infantil, entre eles a compañía Elefante Elegante que se fixo co premio ao mellor espectáculo na edición anterior, ou a ausencia do CDG entre as propostas. 

Na páxina da AAAG, ademais dos nomes dos espectáculos que presentaron candidaturas aos nomeamentos ofrecen ligazóns ás súas páxinas webs, vídeos e datas e lugares próximas de representación. 

Optan aos María Casares as seguintes compañías cos espectáculos estreados no 2013: 


Teatro do Noroeste,  “Touporroutou da Lúa e do Sol”
Teatro Antroido, “BailadELAs, mulleres bolañesas”
Teatro do Noroeste, “Linda e Freddy, ilusionistas”
Caramuxo Teatro, “Na Casa”
Bucanero, “A delgada Línea Boba”
Teatro do Andamio, “A Casona” 
Sarabela Teatro, “A idade da Pavía” 
RTA-Voz Audiovisual-Talía Teatro, “Gaivotas Subterráneas”
Funboa Escénica, “Sigue buscando” 
Voadora, “Waltz”
Teatro de Adro, “As Mil Vidas de Matías Houseman”
Boabab Teatro, “O soldadiño de chumbo” 
Obras públicas, “Bye Bye honey”
Teatro do Atlántico, “A Charca inútil”
Talía Teatro, “Xango, a moi extraordinaria historia do home que foi engulido por unha máquina”
Eme2 producións, “O Príncipe e o Parrulo”
Chévere, “Eurozone”
Malasombra producións, “Misión sapiens”
Elefante Elegante, “Aurora”
Abrapalabra Creacións Escénicas, “As do Peixe”
Teatro do Atlántico, “A Charca inútil”
Matrioshka Teatro, “C'est la vie”
Tuerka Teatro, “O Xardín das Pernas Roubadas”
Ilmaquinario Teatro, “O Home Almofada”

Máis en CULTURA
Comentarios