Os museos municipais de Vigo celebran esta sexta feira, 18 de agosto, a súa 'Noite Branca'

Nove espazos únense para ofrecer unha programación nocturna, até as dúas da madrugada con música, arte, teatro e visitas guiadas.

Poderanse realizar visitas guiadas polos xardíns históricos do Pazo Quiñones de León de Castrelos
photo_camera Poderanse realizar visitas guiadas polos xardíns históricos do Pazo Quiñones de León de Castrelos

Esta sexta feira, 18 de agosto, máis de 50 actividades animarán a "Noite Branca" da rede de museos municipais de Vigo, con xornadas de portas abertas gratuítas en todos os museos da cidade, que ademais ofrecerán visitas guiadas ás súas exposicións até as dúas da mañá. 

Por outro lado, levarase a cabo o programa "O Triángulo da arte", que presenta propostas de música e artes escénicas na porta dos museos e ao aire libre. Este triángulo terá os seus vértices no Museo Marco, na Pinacoteca e na Casa das Artes. 

Así, poderanse realizar visitas guiadas polos xardíns históricos do Pazo Quiñones de León de Castrelos ou gozar da música e da poesía na rúa Abeleira Menéndez entre outras opcións. 

 

Obradoiros no Verbum

Para quen busque involucrarse nos procesos creativos, o Verbum de Samil acollerá nove obradoiros de diferentes disciplinas, desde animación en stop motion até colaxe ou voz pasando por teatro, danza, música pintura ou cianotipia. 

Ademais, no xacemento arqueolóxico de Toralla están programados catro espectáculos nos que se dramatizarán recreacións do mundo romano. 

No Marco, a artista Vanesa Álvarez realizará un espectáculo de live painting en cubos de gran tamaño xunto á artista mexicana Arantxa Rodríguez; o grupo Pólvora Feat mesturará música electrónica con spoken word, nesta ocasión coa cantante salmantina Sheila Blanco, e 2 Pasos Dj fechará a xornada cun set de música para bailar.

Na Fundación Laxeiro, o colectivo de creadores e tecnólogos Poetry+AI=Art transformarán poesía en arte a través de Intelixencia Artificial, Juanma Lodo mesturará son e videoarte e Marcia Vázquez presentará a peza de danza Vaivén. 

 

Comentarios