A CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'O noso último verán en Escocia'

 Un matrimonio en crise viaxa a Escocia con motivo do 75 aniversario do avó. Como está gravemente enfermo tratan de ocultar a súa difícil situación para que non lle afecte á saúde, pero non lles vai ser nada doado manter o segredo por mor dos seus tres falangueiros fillos.

Cinema

Comedia de situación con cheiro a whisky escocés e sabor a flegma británica que supón o salto a gran pantalla do dúo televisivo formado por Andy Hamilton e Guy Jenkin, recoñecidos no seu país por seren os creadores do éxito da BBC Outnumbered, onde tamén trata, en chave de comedia, dun matrimonio con tres fillos. O Noso Último Verán en Escocia non é a adaptación desta serie mais si utiliza a mesma técnica de semi-improvisación que se usa nela e que consiste en que os adultos aprenden a súa parte de guión pero os cativos simplemente reciben unhas precisas instrucións xusto antes da escena para que provoquen unha determinada situación.

Os adultos teñen que adaptar o texto ás ocorrencias que van escoitando dos rapaces quedando así asegurando o esmendrelle provocado pola innata naturalidade infantil que nunca se sabe moi ben por onde van saír. Un método de traballo moi efectivo que obtivo grande aceptación do público da serie e que poñen en práctica na película para tratar de temas serios, como o drama da separación, o maltrato psicolóxico, o cáncer ou a morte, que son abordados coas mesmas doses de realismo e humor. Cada vez que abren a boca os tres cativos, interpretados por Emilia Jones, Bobby Smalldridge e Harriet Turnbull respectivamente, son as risas. Sen dúbida o mellor do filme xunto con Rosamund Pike (Perdida) como nai de carácter, David Tennant (Dr. Who) como pai inseguro e no rol do avó de aire hippy, pasado deportivo e sangue viquingo o sempre solvente Billy Connolly (A Súa Maxestade Mrs. Brown), que con apenas un par de aparicións xa se mete o público no peto. Non desmerecen os secundarios Ben Miller e Amelia Bullmore, que aportan outro grao de disfuncionalidade marital que quizais merecía máis atención polo xogo que podería dar unha parella onde a sombra do maltrato é alongada. Fáltalle xusto ese punto de profundidade psicolóxica para ser redonda, pero é o prezo por tratar de apuntar en tantas frontes. A maioría das veces menos é máis, e neste caso dáse un pouco o efecto contrario...

Con todo, en conxunto O Último Verán en Escocia é unha comedia moi entretida cunha forte dose de moralina que case logra emocionar pero, iso si, acada sacar un amplo sorriso e algunha que outra gargallada provocada pola espontaneidade e saídas dos tres pillabáns que, aínda que pareza mentira, acaban converténdose nos máis sensatos do conto. Atención tamén ao tratamento da paisaxe e da música tradicional celta que terá o seu punto álxido na catarse colectiva do final. A estrea en 14 salas do país dobrada ao galego é unha excelente nova que esperemos sexa o comezo dun bon costume e, xa que estamos, ogallá se vaia alternando con filmes en versión orixinal con subtítulos en galego. Por pedir que non sexa...

Máis en CULTURA
Comentarios