ELOY DOMÍNGUEZ SERÉN, DIRECTOR DE ‘NO COW ON THE ICE’

“O Novo Cinema Galego xa non é un boom, está aquí para quedar”

O que comezou como unha correspondencia fílmica entre o autor e outro cineasta galego rematou nun filme que acadou premios en varios festivais e que hoxe, cuarta feira, vén de estrearse en Numax, onde poderemos velo até o sábado, coloquio co director incluído. 

Eloy-Dominguez-Seren_o
photo_camera Eloy Domínguez Serén

- Supoño que cando un fai este tipo de cinema non agarda que se estree en salas comerciais. Que significa esta estrea para ti?
- A verdade é que tal vez este pase en Numax, de todos os que tivo o filme no último ano e medio, é o máis especial e o máis importante para min. Lembro rematar o filme en Santiago e entregarlle a copia a Pablo Cayuela. E despois de todos estes meses de andaina por fin estrealo na casa a verdade é que é unha oportunidade moi fermosa e moi especial. 

- É a primeira estrea nun cine comercial, non é?
Si, estivo en festivais e en museos, pero esta é a primeira en cines. 

- O filme tivo un exitoso percorrido por varios festivais, conseguindo varios premios. Agardabas esta acollida?
- Para comezar eu nin sequera sabía que este proxecto era un filme. Cando comecei a traballar nel tiña un formato moi distinto, era unha correspondencia fílmica con Marcos Nine, un cineasta da Arousa, e o proxecto foi mudando pero nunca estiven seguro de cal era o fin último. Ao final rematou sendo unha película, tiven a fortuna de que tivo unha estrea importante nun festival prestixioso [refírese a Visions du Réel en Suíza] e a verdade é que está indo moi ben. Sendo un proxecto autoproducido completamente e mesmo gravado en gran parte co meu móbil, estou sorprendido e moi satisfeito da acollida que está a ter en festivais e, sobre todo, da reacción que está a haber por parte do público. 

Sendo un proxecto autoproducido e mesmo gravado en gran parte co meu móbil, estou sorprendido e moi satisfeito da acollida que está a ter en festivais e, sobre todo, da reacción que está a haber por parte do público. 

- Poderemos vela en máis cinemas ademais do Numax?
- Non o sei polo de agora. O filme aínda se vai pasar bastante en festivais nos vindeiros meses e cando chegue o momento tomaremos a decisión.

- No filme contas a experiencia da emigración a través das túas propias vivencias en Suecia. 
- A verdade é que o filme foi un xeito excepcional de afondar na cultura sueca e de poder reflectir sobre a miña propia aprendizaxe do idioma e da miña adaptación como cidadán en Estocolmo. Sempre insisto -e espero que se reflicta no filme- que comparado con outra xente ou con -por exemplo- meus avós que emigraron a Holanda nos anos 60 ou con moitas outras xeracións que tiveron que facelo noutras condicións e noutro contexto, a miña experiencia foi moi amábel e eu diría que mesmo afortunada. 

- Estabas a 2647 km da casa. No filme dis que canto máis te achegabas aos teus veciños suecos máis te afastabas do teu país. 
- Si, sen dúbida, cando estás nun lugar tan distinto dáse o que Kapuscinski chamaba “o encontro co outro”, ese momento no que te decatas de que nese outro hai moito de ti e que ti mesmo empezas a incorporar moito dese outro. E si é certo que cando estás nunha cultura tan distinta comezas a cuestionarte a túa propia identidade e todos os códigos que ti coñecías teñen que estar en permanente cuestionamento porque tes que adaptarte ao novo lugar, e iso significa ter que abrazar esta nova cultura, o que dalgún xeito provoca que acabes distanciándote da túa. Tamén axuda a coñecer moito mellor a túa, porque cuestionala implica afondar nela. 

É frecuente entre os e as cineastas galegas vivir fóra, e ás veces mesmo desenvolver o traballo tamén fóra.

- Hai un momento no que podes marchar pero non o fas. 
- Ben, afortunadamente podía marchar cando quixera, pero hai un momento específico no que digamos que a miña principal conexión co país muda e hai que tomar unha decisión. Nese momento tal vez a aprendizaxe do idioma convertiuse no principal aliciente para quedar e aprender ben a lingua, que non era máis que un xeito de aprender mellor a cultura, coñecelos mellor e mellorar as miñas relacións. Si que é certo que decidín ficar e coñecer mellor o país, e tal vez mellor a min mesmo a través do país, de forma que o día que decidise marchar ter claro que fora todo o boa e rica que podía chegar a ser. 

- Ao final desenvolveches toda a túa carreira cinematográfica en Suecia, aínda que segues encadrado no Novo Cinema Galego.
- Si, si que é certo. A excepción dun proxecto que rodei en Tui penso que todos os meus filmes se fixeron en Escandinavia e agora estou facendo un en Tindouf, nos campamentos de refuxiados saharahuis. Pero si que é certo que é algo que temos en común algúns autores e autoras galegas: varios de nós vivimos fóra de Galiza e algúns tamén nos formamos fóra. É algo sobre o que falamos moitas veces cando nos xuntamos. Se pensas en Oliver Laxe, Eloy Enciso, Diana Toucedo, Lois Patiño, Keina Espiñeira  e agora tamén Xurxo Chirro… Todos nós vivimos fóra. É frecuente entre os e as cineastas galegas vivir fóra, e ás veces mesmo desenvolver o traballo tamén fóra. A ver que depara o futuro. 

O Novo Cinema Galego é unha comunidade de cineastas que teñen a fortuna de pasar moito tempo xuntos, de apoiarse mutuamente.

- Pero si que coincides en que agora mesmo no cinema galego, sobre todo no de non ficción, está pasando algo excepcional, non?
- Si, absolutamente. É algo incrible decatarse de que cada vez que vas a un festival dos grandes sempre hai filmes galegos. O ano pasado no FID Marsella había catro ou cinco autores galegos. Sempre che preguntan que é o que está a acontecer, como é posible que saian tantos autores e tantos filmes cada ano en Galiza. É un misterio e a nivel internacional obviamente decatáronse. É un selo que se coñece fóra. Podía parecer que era unha efervescencia dun momento, pero desde 2011 ou antes repítese ano tras ano. Xa non é un boom, parece que está aquí para quedar. 

- Cando che preguntan iso, que lles respondes?
- Eu sempre digo que o Novo Cinema Galego é unha comunidade de cineastas que teñen a fortuna de pasar moito tempo xuntos, de apoiarse mutuamente. Moitos de nós estamos implicados nos proxectos doutros e a falta de recursos, en moitos casos, cúbrese coa colaboración entre nós, o intercambio de ideas, de materiais… Creouse unha comunidade moi sólida e creativa na que os resultados están aí. Evidentemente hai moitos factores, desde a aposta que se fixo hai anos desde AGADIC por fomentar o talento dos autores, os festivais de cinema galegos, que deron lugar a encontros entre os creadores, ou o traballo do CGAI que é imprescindible para formar a cinefilia. E supoño que o encontro entre nós - tamén fóra de aquí - e estes ingredientes resultou en que ano tras ano saen filmes galegos moi importantes. 

- Tamén tes pendente unha fita en Noruega que rodaches no Ártico…
- A verdade é que neste momento estou traballando en dous proxectos en coordenadas opostas: un no círculo polar ártico de Noruega e outro no deserto do Sahara, de forma paralela, e non sei cal vai saír primeiro. 

INGEN KO PÅ ISEN - NO COW ON THE ICE (Trailer) from Eloy Domínguez Serén on Vimeo.

Máis en CULTURA
Comentarios