Oink! xa ten o peto aberto

O futuro da revista Oink! está en xogo e para garantir o seu futuro, a empresa promotora Agalip vén de abrir páxina nunha plataforma de micromecenado, co fin de recadar apoios para publicar os próximos seis números. A cambio das apartacións, interesantes recompensas. 

Capa de Oink!
photo_camera Capa de Oink!

Hai dúas semanas a empresa Agalip, editora de Oink! anunciaba a través dun comunicado que o número 5 da revista non chegaría aos quioscos no prazo previsto. Os datos económicos puñan en perigo a empresa e os promotores decidiron facer unha paréntese para estudar novas maneiras de manter a publicación con vida. Dúas semanas despois, Oink! Fai pública a maneira de colaborar para que a única revista infantil en galego teña continuidade. 

Como xa avanzaran, Oink! Recorre ao micromecenado a través da plataforma Verkami, pola que recollen cartos para sacar un novo número da publicación. A cantidade que fixan como obxectivo para recadar é a necesaria para publicar seis números da revista. “O diñeiro que precisamos dará para producir, imprimir e remitir cada dous meses un novo número da revista, cargada de sorpresas, banda deseñada orixinal e contidos desenvolvidos con tino”, indican na propia plataforma. De non acadar o obxectivos, “os agoiros serán certos”, lamentan. 

Cursos, chapas, autocolantes ou póster

A cambio das aportacións, Oink! dará saborosas recompensas. Mencións na revista, autocolantes troquelados, cinco chapas con deseños e ilustracións da revista, números da publicación, chapas, póster en edición especial dun dos ilustradores ou matrículas, infantil e de adultos, para cursos do Garaxe Hermético, a escola profesional de Banda Deseñada de Pontevedra dirixida por Kiko da Silva. 

Oink! saíu á a rúa con 56 páxinas e un prezo de capa de 3 euros cada número mensual. 
Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Andrés Meixide, Miguel Porto, Fran Bueno e Marilar Aleixandre, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, Kohell, Victor Rivas e Pinto & Chinto son algúns dos nomes que colaboraron na publicación, comandada no ámbito da banda deseñada por Kiko da Silva.

Máis en CULTURA
Comentarios