A Pomba do Arco conmemora 25 anos de cultura, lingua e historia

En 1989 nacía a Pomba do Arco, unha iniciativa para a defensa do idioma e a cultura na Mariña. A asociación inicia este sábado a conmemoración do seu 25 aniversario. 

25 anos de A Pomba do Arco
photo_camera 25 anos de A Pomba do Arco

Vintecinco anos de cultura e promoción galega son os motivos da festa que hoxe inicia a Asociación a Pomba do Arco. Unha cea de conmemoración coa actuación da actriz Isabel Risco e a música de Ugia Pedreira será o primeiro dos actos que lembran a historia da asociación cultural de Foz. 

Unha mesa redonda coa participación do maxistrado focense Xoán Xosé Barreiro Prado e a profesora da Universidade da Coruña, Pilar García Negro sobre o galego no ensino e a maxistratura puxeron inicicio o 11 de outubro de 1989 á andaina da asociación que ía ter na difusión da cultura, na defensa da lingua e na recuperación da historia tres dos seus principais eixos de actuación. 

Centos de actos culturais desenvolvéronse en Foz nestes vintecinco anos nos que A Pomba do Arco converteuse en referente da actividade cultural que vén da propia sociedade, da vontade de difundir e crear desde o propio asociacionismo que se fraguou en encontros, mesas redondas, teatro feito polos propios veciños e veciñas, conmemoracións da historia ou concertos nos que o achegamento da cultura desde a propia sociedade foi sempre o obxectivo. 

Festas da Palabra

A organización das Festas da Palabra na que algúns dos principais nomes da literatura galega visitaban Foz co convite da asociación foi outra das iniciativas de maior suceso da asociación. De aí saíron as escolmas poéticas Pedimos a Palabra nas que se recollía obra de autores focegos e mariñás con outros de recoñecidos poetas da nosa literatura. Fiz Vergara Vilariño, Lois Diéguez, Luísa Castro, Pilar Pallarés, Fernán Vello, Lino Braxe ou Xavier Baixeras foron algúns dos participantes nesta actividade da Pomba do Arco que continúa a manter o seu obxectivo de difundir a nosa literatura por medio do seu Clube de Lectura. 

Para recuperar a nosa historia e dar a coñecer á veciñanza o seu propio pasado naceron as Xornadas de Historia local do Concello de Foz, que se desenvolven na primeira semana do mes de agosto e que alcanzaron neste ano a súa novena edición. Bolanda, os cadernos de historia focega son resultado dese encontros nun traballo por se atopar coa historia na que tamén se enmarca a recuperación, dixitalización e edición facsimilar do xornal Guau Guau, periódico satírico que se publicaba en Foz a comezos do século XX e que a Pomba do Arco puxo de novo en circulación para o coñecemento da veciñanza. 

Canda esas liñas de actuación, a dinamización da cultura de base foi tamén outro dos obxectivos nestes vintecinco anos. Levar a escena o Touporroutou, no que se narran de maneira satírica acontecementos do concello en coplas compostas pola xente de Foz, é só un dos exemplos dunha actividade continuada que se achegou tamén ao público infantil como o certame de contos Nadal Lareeiro no que participaron máis de 3.000 escolares nas súas doce edicións. 

Máis en CULTURA
Comentarios