CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Porretas, de Julio Iglesias a Nacha Pop

Xa teño comentado algunha vez que Porretas é unha banda á que lle teño un cariño especial, non só por ser parte fundamental da miña banda sonora vital, senón tamén porque son unha desas bandas auténticas, que fan o que realmente lles gusta facer, sen cinguirse a moda algunha, sen perder o achegamento á xente e, sobre todo, divertíndose. 17 anos despois de editar aquel mítico Clásicos, volven á carga con este Clásicos II, no que fan versións deses temas que formaron parte da súa historia.

A diferenza de Clasicos¸ nesta nova entrega a banda non se cingue tanto á versión orixinal, senón que levan os temas ao seu terreo e poñéndolles o cuño de Porretas  a todos eles. Non hai máis que escoitar  o primeiro tema, Resistiré, do Dúo Dinámico que con un inicio puramente ramoniano, dálle unha potencia punk cos coros de I will survive, polo medio, que o tema pide de por si. Raimundo Amador ten colaborado en varias ocasións coa banda e por iso non ten que sorprender que, a ritmo de reggae primeiro e rock despois, se despachen coa versión do divertido e gamberro Ay que gustito pa mis orejas. O que igual si que pode a moitos lles sorprenda é saber que este tema, aínda que popularizado por Raimundo Amador, foi composto por Pablo Carbonell.

Antonio Vega é recoñecido pola propia banda como un dos grandes compositores contemporáneos e, dende logo ninguén pode negar que La Chica de Ayer, de Nacha Pop, forma parte desa banda sonora dunha xeración independentemente dos estilos musicais preferidos de cada quen. Aquí, a banda opta por acelerar o tema, sacándolle o ambiente de balada e dándolle un toque máis tabernario. O mesmo ocorre con Libre, o tema de Nino Bravo, onde o canon que fan nas estrofas voz e coros dálle un aire reivindicativo e etílicofestivo a un tempo. O tema da liberdade fica ben plasmado ao longo do disco, en parte polo faltos que estamos dela nestes anos. 

Seguindo pola vía tabernaria, segue Al calor del amor en un bar, de Gabinete Caligari, non podía faltar para unha banda cun guitarrista bodegueiro. O tema fica convertido nunha sorte ska-punk moi festeiro no que a trompeta de Elisa Ciprés fai a súa primeira aparición para arroupar a banda. Unha nova referencia á liberdade volve a aparecer con Un Velero Llamado Libertad, de Perales, da que fan unha revisión máis roqueira pero transmitindo igualmente esa mensaxe, esas ansias de voar que fican intactas nos soños de moitos de nós. El blues del autobús é un tema composto por Víctor Manuel, e interpretado por Miguel Ríos, que ben podían ter titulado O Rock do Autobús. Este é un tema que todos os que algunha vez vivimos o mundo da música dende a parte do músico, nos identifica totalmente e dende logo que Porretas non ían ser menos e iso nótase no gran traballo que fixeron neste tema, un dos meus favoritos.

Creo que non fica ninguén que non cantara algunha vez Soy un Truhán, Soy un Señor, de Julio Iglesias, por non falar de aquel divertidísimo número que fixeran Tricicle con este tema. Un tema cunha letra gamberra que Porretas levaron a máis puro punk. Este fora un dos temas de adianto do álbum e dende entón non son quen de sacalo da cabeza. Mais o disco segue cun tema que lembra que houbo un tempo que Loquillo facía rock and roll, e gravaba temas como este Rompeolas, que fala da difícil convivencia cun músico e que Porretas endureceron na parte das súas estrofas e marcaron no retrouso un ritmo máis fiel ao orixinal. 

Cando morreu o ditador fascista que someteu durante 40 anos o estado, Jarcha editaron Libertad sin Ira, un tema que recollía o desexo de liberdade e cambio que o pobo agardaba que viñera. Porretas grava este tema coa mesma intención que Jarcha o fixera nos 70, pedindo esa liberdade que non temos e que cada vez perdemos máis. A intencionalidade fica patente cando rematan o tema modificando o retrouso a: [...] sen ira liberdade e se non a hai sen dúbida haberá ou non. Desa época chamada transición, é tamén o seguinte tema, Rocinante, de Asfalto. Un tema que fala do fin dos soños do soñador que cansa de loitar pola utopía pero que, outra persoa ocupa o seu lugar na loita. Un tema que Porretas leva ao seu terreo e co que se senten plenamente cómodos.

Encetamos a recta final do disco con Insurrección de  El Último de la Fila, que fai a Porretas falar de desamor. Sorprende o ben que funciona este tema nas mans da banda. Confeso que este tema, cuxa letra me pareceu moi fermosa, contén un verso que di: corto o pelo unha e outra vez que a día de hoxe segue a deixarme descolocado. E para finalizar, ao máis puro Toy Dolls, aparece unha outro instrumental, que non é outra que a banda sonora de The Benny Hill Show, que eles renomearon como La del Benny Hill, e que foi unha comedia británica que fixo rir a varias xeracións.

Porretas, neste disco, igual que fixera no anterior Clásicos, fai un repaso pola súa banda sonora vital, que tamén é a de moitos nós. Este non é un disco para a nostalxia, se non para reivindicar unhas influencias musicais sen as que non se podería entender o que hoxe é a banda, e ao mesmo tempo, un canto á liberdade. 

LISTAXE DE TEMAS

  1. Resistiré (Dúo Dinámico)
  2. Ay Qué Gustito Pa Mis Orejas (Raimundo Amador)
  3. La Chica De Ayer (Nacha Pop)
  4. Libre (Nino Bravo)
  5. Al Calor Del Amor En Un Bar (Gabinete Caligari)
  6. Un Velero Llamado Libertad (José Luis Perales)
  7. El Blues Del Autobús (Miguel Ríos)
  8. Soy Un Truhán, Soy Un Señor (Julio Iglesias)
  9. El Rompeolas (Loquillo)
  10. Libertad Sin Ira (Jarcha)
  11. Rocinante (Asfalto)
  12. Insurrección (El Último de la Fila)
  13. La De Benny Hill

PORRETAS NAS REDES

WEB: https://porretas.com/

FACEBOOK:  https://www.facebook.com/porretasoficial

TWITTER: @Porretas5

Comentarios