CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Capitán América: Civil War' fai que 'Batman versus Superman' pareza boa

Amigas e amigos, Capitán América: Os vengadores non pasa de ser un refrito máis dos filmes de super-heroes. Así o ve o noso crítico de cinema.

Capitán América
photo_camera Un fotograma do filme


CAPITÁN AMÉRICA: CIVIL WAR

(EUA 2016, 147 min.)
Dirección: Anthony Russo e Joe Russo
Guión: Christopher Markus e Stephen McFeely
Fotografía: Trent Opaloch    
Música: Henry Jackman
Elenco: Robert Downey Jr., Chris Evans, Scarlett Johnson, Sebastian Stan, Daniel Brühl, Anthony Mackie, Don Cheadle, Chadwick Boseman, Elizabeth Olsen, Jeremy Renner, Paul Bettany, Paul Rudd, William Hurt, Tom Holland, Marisa Tomei, Emily VanCamp, Frank Grillo, Martin Freeman, John Kani, John Slattery, Hope Davis, Alfre Woodard

SINOPSE

Os Vingadores son un problema internacional debido ao caos e destrución indiscriminada que deixan alá por onde pasan. Un acordo firmado polas Nacións Unidas pretende convertelos nun equipo de elite controlado que só poderá actuar cando se lle ordene. Mais non todos os Vingadores están conformes a ese control. 

CRÍTICA

Tras o desafío de adaptar o enfrontamento entre Batman contra Superman por parte de DC Cómics, chega a esperada quenda da Marvel por enfrontar a Vingadores contra outros Vingadores. Se na primeira a escusa era que Lex Luthor malmetía, na de Marvel a cousa deriva máis no tema político, con sombra de terrorismo de fondo e un fanático de Hydra que anda polo medio. A priori pode parecer unha aposta atractiva mais hai un algo que fai de Capitán América: Civil War un refrito de super-heroes que fai boas todas as deficiencias que tiña o Batman v. Superman de Zack Snyder. Por unha banda, está o Capitán América, Falcón, Ollo de Falcón, Ant-Man, Bruxa Escarlata e o Soldado de Inverno, e por outra banda a Iron Man, War Machine, Visión, Viúva Negra, Spiderman e a Panteira Negra. Bótase moito en falta a carencia de Hulk e de Thor, pero o arranxan con un “non sei onde están”. Nivelón... Tamén notamos que algo raro lle pasa a Iron Man/Tony Stark. Está como apagado, triste, perdeu o “mollo”... Ah, que tampouco está a súa amada Pepper Potts, seica estanse a dar un descanso. Un Tony Stark taciturno e plano sumado a unha trama onde abundan diálogos solemnes e frases lapidarias... vamos home! non vimos ver melodramas, vimos ver como se parten a cara... pero nada, non hai maneira. Moito diálogo pomposo e pouca acción: a trepidante escena inicial en plan Jason Bourne, a pelexa entre todos no aeroporto (do mellor) e a épica loita final. Xa.

Moito diálogo pomposo e pouca acción

O que vai no medio é recheo máis estirado que a triloxía do Hobbit. E de trama mellor non falamos... Interese, como pouco, cuestionábel. Malia todo si hai algunha agradábel sorpresa. O máis salientábel é o inesperado acerto que teñen coa personalidade do novo Spiderman. O que semellaba unha pésima idea tras o penoso reboot de 2012 poucos anos despois do insuperábel trepamuros de Sam Raimi, veñen agora cun novo Spiderman interpretado por un adolescente Tom Holland mais a cousa pinta moi pero que moi ben. De feito, se paga a pena aguantar as case dúas horas e media desta terceira parte do Capitán América é por el... por el e tamén pola súa, de súpeto, atractiva tía Mai (Marisa Tomei). Tamén é de agradecer a presenza de Ant-Man como alivio cómico para facer algo máis dixeríbel este pastiche. Diría tamén o mesmo da introdución que de Panteira Negra, pero é que aquí patinan. Fáltalle “garra”. Se quizais lle deran algo de humor ou se Tony Stark fixera brincadeiras de gatos para meterse con el... pero non, iso non pasa. É que nin sequera paga a pena as secuencias post títulos de crédito. En fin, parece que a fixeran sen ganas. Dá a sensación de que é un mero filme de transición para preparar, iso si, a traca final que virá con Os Vingadores 3: Infinity Wars, con estrea prevista en dúas metades e tamén dirixida polos irmáns Russo. Mágoa que tras este (I dont’ need your) Civil War queden tan poucas ganas...

Máis en CULTURA
Comentarios