A CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Queres saber como se adestra un dragón?

Un filme de animación de calidade, alternativo á factoría Disney, é a proposta do noso crítico de cinema de cabeceira, Andrés Castro, para esta fin de semana. Dirixe Dean DeBlois, que vai camiño de ser un clásico do xénero.

interior
photo_camera Un fotograma do filme

COMO ADESTRAR O TEU DRAGÓN 2 

Título: How to Train Your Dragon 2
Ano: 2014
Duración: 102 min.
Nacionalidade: estadounidense
Director: Dean DeBlois
Guión: Dean DeBlois
Música: John Powell
Voces: Jay Baruchel, Cate Blanchett, Gerard Butler, Jonah Hill, Craig Ferguson, America Ferrera, Christopher Mintz-Platze, Kristen Wiig, Djimon Hounsou

SINOPSE
Pasaron 5 anos desde que Hipo conseguira que na illa Mema reinara a paz entre o seu pobo e os dragóns. Mentres o seu pai Estoico trata de ensinarlle a ser un bo herdeiro para capitanear o pobo, Hipo prefire voar libre a lombos do seu dragón Desdentado. Un día topa cuns cazadores de dragóns que queren atrapalos para formar un temible exército de dragóns capitaneado polo seu xefe Drago, un antigo inimigo do seu pai.

CRÍTICA

Segunda parte da triloxía (que concluirá no 2016) de Como adestrar o teu dragón, baseada nos contos da escritora británica Cressida Cowell. Nesta ocasión, a illa Mema xa vive en paz cos dragóns. Os aldeáns divírtense con vertixinosas carreiras de dragóns. Mais ninguén está preparado para a reaparición dun antigo inimigo dos habitantes da illa que ameaza con crear un exército de dragóns que domine o mundo. Producida por DreamWorks Animation, gaña por moito á batalla con Disney, que este verán presentou Avións 2 aínda en cartel.

Non soe ser habitual contar cun director de fotografía para unha película de animación, e menos da talla de Roger Deakins

Dirixe novamente Dean DeBlois, que se afianza como un dos mellores directores de animación do momento. Os efectos de voo están moito máis traballados que na anterior sendo unha auténtica experiencia a animación en 3D pola sensación de profundidade conseguida. Case de vertixe. Os que se mareen co 3D teñen a opción de vela en formato “normal” que, por descontado, paga a pena. Hai unha historia sólida e a animación se goza igual. Apréciase un coidado fora do común no apartado da planificación e fotografía. Non soe ser habitual contar cun director de fotografía para unha película de animación, e menos da talla de Roger Deakins (Cadea Perpetua, Non é país para vellos) que aporta os seus coñecementos ao entorno visual dándolle unha perspectiva e unha planificación da imaxe como se fora para personaxes reais, cousa que xa fixera con bastante éxito en Rango (2001, Gore Verbinski), outro filme de animación.

Recomendo encarecidamente non ver ningún trailer antes de ver a película. Ningún

Na trama hai un xiro argumental a respecto da primeira parte cara a un público adolescente. Personaxes máis elaborados, maior profundidade dramática e se aprecia moito menos o gancho “gatuno” e tenro do dragón Furia Nocturna “Desdentado” en prol dunha historia máis épica e de aventuras, achegando así a historia un pouco máis ao público adulto. Romance, intriga, vinganzas, redención, superación e perdón son parte das temáticas que rexen Como adestrar o teu dragón 2. Película refrescante para estas épocas estivais que van chegando á súa fin. Desas que vai gustar a TODA a familia (non só os máis cativos). Un aviso importante, aínda que igual é tarde... recomendo encarecidamente non ver ningún trailer antes de ver a película. Ningún. Seica os responsables de marketing, despistados eles, non tiveron en conta que se desvelan trazas argumentais que non se deberían saber antes de ver a película pois matan o efecto sorpresa. E hai un par de momentos sorpresa realmente bos. Así que, avisados quedades...

Máis en CULTURA
Comentarios