MÁIS

Ribeiro de treixaduras e albariños

O medieval dos lugares de colleita e produción vitícola das Rías Baixas

Seguindo a estela doutras Denominacións de Orixe (DO), destaca unha viaxe a través do río Miño para saborear non só os caldos do Ribeiro ou da DO Rías Baixas, senón tamén de algunhas das súas subzonas de produción. Un percorrido ferroviario dun día entre As Neves (O Condado) e Ourense para definir os matices das vides máis aclamadas.

Vide das Rías Baixas. (Foto: Ruta do Viño de Ribeiro)
photo_camera Vide das Rías Baixas. (Foto: Ruta do Viño de Ribeiro)

Conta unha lenda popular que o Apóstolo Santiago botou unha maldición sobre Galiza para que non dese máis viño. A pesar diso, dos terroirs seguiron agromando vides que deron lugar a un patrimonio grastronómico inconmensurábel. Son cinco as Denominacións de Orixe (DO) vinícolas que copan o interese na actualidade. Entre elas, sitúanse o viño da DO Rías Baixas e da DO do Ribeiro, que se producen na metade suroeste do país, no primeiro caso nas comarcas de Baixo Miño, O Condado ou 
O Salnés; e no segundo, cunha menor extensión, na comarca do Ribeiro (Ribadavia, Arnoia, Castrelo de Miño, Carballeda 
de Avia, San Amaro...).

Nestes lugares a tradición enolóxica é senlleira, sobre todo, no caso do Ribeiro, no que testemuños como o do xeógrafo grego Estrabón falan de produción na zona na segunda metade do século II a.C. Nas Rías Baixas sería moito despois, no século XII, cando se considera que os monxes de Cluny trouxeron a uva albariña ao mosteiro de Armenteira (O Salnés). Precisamente sería na Idade Media cando a vide e a produción de viño popularizouse debido ao impulso destas ordes monásticas. Estas tiñan terras a cultivar nas que puñan a traballar as labregas e labregos que, a cambio debían non só pagar unha renda en especie (a colleita de vide) senón tamén expandir os viñedos, aumentando así a produción de viño.

Malia que esta é a historia que dá orixe ao potente e consolidado cultivo, o mellor coñecemento está claro que vén da man da práctica e da experiencia polo que a ruta do Ribeiro e dos viños das Rías Baixas é a mellor forma de indagar no pasado. A oferta de Renfe e Turismo da Galiza para este verán constitúe un itinera io ferroviario de temática enolóxica moi rico, que pon en valor a lonxevidade e calidade deste produto o sábado 27 de agosto.

Nesa data sairá da estación de trens de Ourense ás 9.35 horas para pasar un día enteiro percorrendo os puntos claves escollidos pola plataforma turística da Xunta e retornar ás 21.30 horas a este mesmo punto. Respecto ao prezo, gozar desta experiencia ten un custo de 45 euros por billete e un desconto de 15% para grupos de 10 ou máis adultos. 

Vides do Condado

Unha das primeiras paradas desta ruta é a parroquia de Meder (Salvaterra do Miño, O Condado), onde se sitúa a adega Señorío de Rubiós, coñecida pola súa produción de viños do Condado (subzona da Denominación de Orixe Rías Baixas). De non ter coñecemento en campos de viños e variedades, non hai que preocuparse, pois a visita está enfocada a un público amador ao que se lle dá a oportunidade de atender o proceso de elaboración dos seus viños sen dificultade e coa guinda dunha degustación final para comprobar as competencias adquiridas.

Ribadavia: viño na xudaría

O seguinte transbordo é en Ribadavia (O Ribeiro), capital do viño de denominación homónima. Alí, sitúase o Museo do Viño da Galiza, na Reitoral de Santo André de Camporredondo. Esta galería, encargada de documentar e conservar os saberes vinícolas da zona, é outro lugar tamén ideal para aprender máis sobre bebidas espirituosas. A exposición percorre a historia deste edificio construído no século XVIII como casa de priorado para explotación vitícola, nun comezo era dependente do Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela. A súa exposición repasa o proceso produtivo do viño ao longo da historia, abordada desde a viticultura (técnicas e sistemas do cultivo da vide) e, por outra, a enoloxía (técnicas e coñecementos da elaboración do viño).

Tamén na vila hai outros atractivos como a antiga xudaría, un barrio medieval que chegou a ter unha das comunidades xudías máis importantes da zona -1.500 persoas- até a súa expulsión por orde dos Reis Católicos en 1494. No seu rueiro, as persoas visitantes poderán esculcar sinais xudías como estrelas de 
David e inscricións hebreas nas fachadas. Con todo, o descanso xa neste punto é obrigado con almorzo pautado para as 14.10 horas.

Ánforas de San Cibrao

Dúas horas despois, ás 16, prosegue o percorrido para aproximarse a épocas incluso anteriores coa chegada ao Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica, entre San Amaro e Puxín (comarca do Carballiño). No seu interior localízase o castro de San Cibrao das Lás, unha das construcións deste tipo de maior tamaño da Galiza, cunhas 10 hectáreas de superficie. Tamén no parque, áchase o Centro de Interpretación da Cultura Castrexa, centro dentro da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico e que permite contextualizar o viño na historia, xa que en castros como San Cibrao evidénciase o consumo e a importación de viño desde tempos romanos coa descuberta de abundantes ánforas no espazo.

O último punto a visitar antes de retornar a Ourense é a estación de Santa Cruz de Arrabaldo, na que cultura e viño volven colidir. Neste lugar estabeleceuse o Museo do Traxe Tradicional Galego, que expón as vestimentas tradicionais recuperadas ao longo dos anos por parte da Escola Provincial de Danza-Castro Floxo, integrada no Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo. 

Notas chave do roteiro

Os viños consumidos neste traxecto serán as variedades comúns das dúas zonas. Por unha parte, o albariño da DO Rías Baixas da subzona do Condado de Tea, unha variedade mundialmente coñecida e raíña desta denominación de orixe con 95% dos terroirs de vide dedicados a súa colleita. O aspecto e sabor do albariño é consabido pola maioría de habitantes da Galiza xa que se caracteriza por unha cor amarela verdosa e o seu sabor frugal e cun punto ácido. 

Por outra parte, na zona do Ribeiro probarase a variedade branca treixadura, que predomina enn 70% do espazo do Ribeiro. Esta é unha variedade que caeu no esquecemento e recuperouse hai relativamente pouco até converterse na segunda máis cultivada tras a albariña. Antes non era nin un viño monovarietal de seu e só se empregaba en combinación con outras variedades. O seu sabor é fresco e ácido, especialmente útil para elaborar viños doces ou torrados como é o Tostado de Ribeiro, un viño escaso e cuxa produción limítase a certas zonas da comarca, facendo deste roteiro unha experiencia única de cata.

Comentarios