Rosalía, letrista do ano

Se algunha conclusión se pode tirar conta de discos deste 2013 a piques de rematar é que Rosalía se consolida como a maior letrista para a nosa música. Uxía, Tempo Catro, Najla Shami, Naid, Xosé e Xiana Lastra con María Manuela e Mini e Mero, Narf , Joaquín Pixán con Alejandro Zabala e agora A Cada Canto, entre outras propostas,  puxéronlle música aos seus poemas. 

Rosalía de Castro no cartel do acto de Pontevedra
photo_camera Rosalía de Castro no cartel do acto de Pontevedra

Naid con “Rapoemas” ou Abe Rábade, Anxo Angueira e Guadi Galego con “Rosalía XXI” adiantaron o que sería o grande ano de Rosalía como letrista, na estala de Amancio Prada, Los Tamara ou Luz Casal, todas elas voces para a grande poeta que vería como o 2013 coa conmemoración dos 150 anos da publicación de “Cantares Gallegos” se convertería tamén nunha explosión de publicacións nas que os seus poemas pasarían a ser cancións nos máis diversos ritmos, en ampla variedade de estilos. 

A Cada Canto: “Rosa d´Adina”

A proposta de A Cada Canto pecha o ano de Rosalía con “Rosa d´Adina” (Músicas de Salitre), seis poemas trasladados á voz de Guadi Galego e Xabier Díaz coa guitarra de Guillerme Fernández e o acordeón de Xosé Lois Romero, unha formación que por segunda vez asinaría por segunda vez un disco, logo de se apresentar cunha proposta que nacía polo encontro dos catro músicos sen, en principio, aventurar continuidade.  “Dende a Limia”, “Tecín”, “Este meu camiño”, “Levoume o río”, “Onde pousei a infancia” e “Aló” son os seis poemas que A Cada Canto recolle no seu disco.

                              


 

Narf: “Nas tardes escuras”

Unha proposta nova e unha Rosalía distinta á que até agora temos sentido é a que nos achega Narf, nome musical de Fran Pérez, no libro-CD “Nas tardes escuras” (El Patito Editorial). Cunha traxectoria claramente afincada no mundo do rock cun encontro nos últimos tempos coa música de raíz de orixe africana, Narf toma todo o seu fardel para elaborar unha lectura persoal e única de Rosalía, potente, vibrante, coa filosofía do rock que fai esquecer calquera posibilidade de tirarlle a enerxía e a forza dos seus versos.

Narf abraza Rosalía con voz e guitarra en doce temas, maiormente tirados de Follas Novas, versos directos, coa forza da autora á que lle imprime a solidez da súa guitarra. En “Nas tardes escuras” nada lembra á Rosalía xa cantada. Todo é novo, distinto, desgarrador como o rock de esencia por veces, abeirando o pop noutras. Nalgún dos temas, Narf quixo que o poema se impuxera de maneira especial sobre a súa guitarra e deixouno ir case só, coma se un recitado se tratara.

Tempo Catro: “Rosalía de Castro, Os ollos que falan”

Publicado pola AS-PG, o CD, “Rosalía de Castro. Os ollos que falan” preséntanos á Rosalía máis viva e combativa, en clave de folk, música clásica, jazz ou tango, unha variedade de rexistros que ofrecen unha maneira distinta de cantar á poeta. A voz de Begoña Lorenzo xunto coa música de Andrés Pazos, Suso Iglesias -autores da música-, Javier Cedrón , Antonio Romero e Pablo Salgueiro de  Tempo Catro, danlle a nova sonoridade aos versos da poeta en once cancións que teñen como base outros tantos poemas de “Cantares Gallegos”, no 150 aniversario da súa publicación. 

Un dos obxectivos do novo traballo é, segundo Begoña Lorenzo,  “darlle relevancia á obra e á figura de Rosalía de Castro, tamén con fins didácticos e de difusión, do que a música pode ser unha ferramenta”. “Os diferentes ritmos ofrecen unha proposta variada coa música folk como base, mais tamén rezuma a clásica, jazz, tangos e outros ritmos que lle dan moita pluralidade sonora ao proxecto” destaca. 

Najla Shami: “Na lingua que eu falo” 

O novo traballo de Najla Shami recolle poemas de Rosalía musicados pola propia autora ademais de pezas propias nas que se achega ao universo rosaliano. Najla Shami é compositora e cantora de orixe palestina e nacida en Santiago. Jazz, funk, blues, música de orixe árabe, brasileira ou galega mestúrase na súa traxectoria e marcan a liña coa que autora, cun canto intimista, se achega agora a Rosalía.  

Uxía: “Rosalía pequeniña”

Rosalía pequeniña sería hoxe, como daquela, unha nena guerreira, gustaríalle o rock tocado con gaita e vestiría de punki”. Así presenta á autora de “Cantares Gallegos” a escritora Begoña Caamaño no limiar que abre o disco-libro no que Uxía ofrece novos ritmos para que as crianzas canten á poeta. Recolle os seus poemas nun amplo abano de ritmos, desde a muiñeira ao rock. 

Uxía contou para este traballo coas voces de Sés, Guadi Gallego, a Señora Carme ou Aline Franzao, os arranxos de Sergio Tannus, os sons de Isaac Palacín, Benxamín Otero, Pablo Seoane, Santi Cribeiro ou o propio Magín Blanco. “Como chove miudiño”, “Has de cantar” “Paseniño”, “Miña santiña, miña santasa”, “Alborada” ou “Maio longo” son algúns dos poemas musicados nun disco que inclúe tamén unha recreación do poema de Curros dedicado a Rosalía.

Xiana e Xosé Latra «A miña primeira Rosalía»

“A miña primeira Rosalía” (Xerais) xunta un amplo grupo de artistas que van desde María Manuela -que tamén ilustra o libro CD-  a Mini e Mero, Rodrigo Romaní ou Nani García, coordinados por Xosé e Xiana Lastra. O traballo xunta biografía, antoloxía e doce poemas musicados e cantados, entre eles, “O forno está sin pan”, “Vente, rapasa”, “Tecín soia”, “Negra sombra”, “A xustiza pola man” ou “Máis o que ben quixo un día”. 

Joaquín Pixán e Alejandro Zabala “Cantares Gallegos”

Editado por Andante Producciones xunto coa Consellaría de Cultura,  en “Cantares gallegos. Músicas para o 150.º aniversario da súa publicación”  o tenor Joaquín Pixán e o pianista Alejandro Zabala recollen poemas de Rosalía musicados por compositores como  García Abril, Gaos e Octavio Vázquez. Canda eles, Joaquín Rodrigo, Jesús García, Jesús Legido, Juan Durán ou Tomás Marco asinan músicas para os poemas de Rosalía que Joaquín Pixán interpreta coa súa voz. 

 

Máis en CULTURA
Comentarios