Salvaterra lembra a Manolo Soto, máis presente ca nunca no seu primeiro cabodano

A Casa da Cultura acolle este sábado unha homenaxe a 'O Rata' organizada pola SCD O Condado. Música, poesía, convivio, independentismo, camaradaxe, amizade...todo isto e moito máis nun programa para un activista de traxectoria tan ampla como a súa xenerosidade.

Manolo Soto
photo_camera Manolo Soto

Manolo Soto 'O Rata' marchou no 5 de febreiro de 2013, hai un ano. Un pasamento que tinxiu de loito ao tecido activista deste país, consciente da débedas que tiña con este militante da ilusión que ergueu proxectos e iniciativas para construír un país. Este sábado, 8 de febreiro, a partir das 19:00 horas, a Casa da Cultura de Salvaterra acollerá unha ampla e completa homenaxe, organizada pola SCD O Condado e baixo o nome 'Soto, sempre connosco'

Un acto no que se xunguirá poesía, música, irmandade, teatro, convivio, compromiso... a recrear ese Festival de Poesía do Condado que tanto e tanto lle debe (a el e a outros). Aos que gosten de nomes: Os Cuncheiros, Comité de Empresa  de CEMSA, Manolo Pipas, Tino Baz, Antom Árias Curto, Nolim González, Tanxerina, Viale Moutinho, Xosé María Álvarez Cáccamo, A Quenlla, Nós-up, Marta Dacosta, Colectivo O Xestal,  María do Carmo Kruckenberg, Brais González, Xurxo Souto, Iñigo Aranbarri, Kiko Neves, Daniel Salgado, Uxía&Grupo, Pepe Carreiro, Xaquín Marín, Ignacio Hortas, Xosé Lois `O Carrabouxo, Liska!, O Son da Triga, Leo Arremecághona...

Todos eles, e moitos máis, tomarán parte nun acto que quere manter viva a memoria e exemplo deste activista cultural e militante independentista.

Máis en CULTURA
Comentarios