CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Soziedad Alkohólika: sistema antisocial

Soziedad Alkohólika é una banda que sempre dixo as cousas claras, con críticas directas e sen adornar a realidade. Isto valeulles ser unha das bandas máis odiadas pola dereita deste pais, cuxa loita por prohibir os concertos de S.A. converteuse en algo enfermizo. A persecución chegou a tal punto que até uns grandes almacéns se negaron a vender os seus discos. Malia esta persecución, a banda segue en activo, enchendo os concertos e gravando discos.

S.A. non é unha banda que se prodigue moito no estudo, máis cando o fai, o resultado soe ser exquisito. Este traballo contén 13 temas “densos e crús como a realidade que nos rodea”, como a banda di, que está totalmente impregnado do espírito hardcore dos S.A. pero cunha mellora substancial na súa produción. Sorprende o potentes e afiadas que soan as guitarras, unha voz máis nítida que encaixa perfectamente no seu nivel así como a contundencia das baterías de Alfred.

A data elixida para sacar o disco, o 3 de marzo, no foi elixida ao azar, xa que foi a data da matanza de Vitoria no ano 76, onde morreron 5 obreiros e centos foron feridos, unha cacería premeditada das forzas de represión do sistema. O tema 3 de marzo, no olvidamos que foi o sinxelo de adianto de este traballo, fala destes feitos e inclúe gravacións orixinais das comunicacións das forzas de seguridade parabenizándose pola masacre. A día de hoxe, o estado segue sen condenar este crime policial.

O disco escomeza denunciando en Causa Podrida o terrorismo islamista e mailo capitalista cuxas vítimas son as mesmas: os pobres. Dous minutos intensos para dar paso a Fugitivos, un tema que denuncia as persecucións que realiza o sistema empregando a súa lei como sinónimo de xustiza nun estado totalitario que queren vender como democrático e de dereito. Isto é algo que acontece coa complicidade dunha poboación anestesiada e alienada, que cre todo o que din, sen importarlles nada e que nada cuestiona como din en Alienado, un tema cun ritmo moi marcado que xoga con cambios de tempo e en que as guitarras destacan cun riff que consegue un toque melódico e atmosférico. Esta temática volve de novo en Siervo de Derechas, onde máis directamente critican os obreiros de dereitas que viven para servir ao amo, lambéndolle as botas que os aplastarán.

Cuentas pendientes é un tema longo para o que banda nos ten acostumados no que xogan con cambios de tempo, ritmo e creación de atmosferas. Un tema que te envolve de pés a cabeza e que destila rabia até o odio final, que dá paso á contundente Resurgir, unha chamada á loita e romper as cadeas acompañadas dunhas guitarras que se achegan ao power no melódico do seus riffs, creando un tema de escoita sinxela. Mais, se agardaba unha sorpresa musical, esta chega con Más Ruinas, tema que principia cun só de sitar. Pouco despois volve a forza habitual, cunha letra que fala da continua destrución das bombas das guerras creadas polo sistema.

Policías en Acción, un dos temas máis punk do álbum, conta coa colaboración de Barney, o vocalista de Napalm Death, que inunda coa súa presenza todo o tema, onde a represión policial en todas as súas facetas é o eixo central. Tamén hai no disco tempo para a festa, o que chega con Alkohol. Unha oda etílica convertida no tema máis festeiro e desenfadado de todo o disco, tanto na súa letra como na música. Pero a seriedade e a denuncia volve con Farmacocracia, dedicado ás farmacéuticas e o seu modelo de negocio no que xogan coa vida da xente, e logrando un enriquecemento inmoral guiados polos beneficios das patentes e non pola cura de enfermidades.

Un Sistema antisocial que non para de denunciar en todo o discos, e especificamente neste tema homónimo, onde dan conta da ruína que nos trae este sistema neoliberal, onde os poderes impoñen a súa lei, perpetuando o sistema antisocial. O peche do disco é Desconocido habitual, un tema veloz e contundente no que fala dos refuxiados, unha desas consecuencias do sistemas antisocial e violento, no que as persoas vagan polo mundo adiante sen rumbo, camiño do cadaleito do mal chamado mundo libre.

Este novo traballo dos S.A. era todo o que esperabamos. Fieis ao seu estilo, ao seu compromiso, seguen a ritmo de trash e hardcore denunciando aquilo que lles parece inxusto, cousa que a dereita non soporta. O día  5 de xullo poderemos velos en directo na festa previa do Resurrection Fest  en Viveiro e quen sabe, aproveitando que Barney tamén andará por alá se cadra os poidamos ver xuntos no escenario. 

SOZIEDAD ALKOHOLIKA NAS REDES

WEB: http://soziedadalkoholika.com/
FACEBOOK: https://www.facebook.com/xSOZIEDADxALKOHOLIKAx
TWITTER: @SoziAlkoholika

LISTAXE DE TEMAS

1. Causas Podridas 
2. Fugitivos 
3. No olvidamos, 3 de Marzo 
4. Alienado 
5. Cuentas Pendientes 
6. Resurgir 
7. Más Ruinas 
8. Policías en Acción 
9. Alkohol 
10. Farmacocracia 
11. Siervo de Derechas 
12. Sistema Antisocial 
13. Desconocido Habitual 
 

Comentarios