Ulträqäns presentan novo disco no vinte aniversario do Bravú

“Retrovangardistas e retranqueiros” así se definen os Ulträqäns, unha banda que presenta o seu segundo disco na Sala Garufa esta sexta feira. Celebran tamén o 20 aniversario do Bravú. 

Ultraqans
photo_camera Ultraqans

Ulträqäns son bravú e punk de taberna, rock irreverente música balcánica entre outras moitas maneiras enerxéticas de estar no mundo que agora presentan un proxecto que definen como “esixente e comprometido”, acorde coa conmemoración do 20 aniversario do Bravú. 

A Sala Garufa Club da Coruña acolle esta sexta feira ás 22h30 o concerto de presentación de UlträqänsII no que estarán acompañados do vigueses La Banda de Andrelo. Avisan que, cando saen á escena,  "a festa convértese nun territorio devastado pola diversión". 

A banda conta cun padriño de honra, o incombustíbel Xurxo Souto que falou do novo traballo da banda como  "unha bomba de baile masiva construída por un comando de cinco experimentados especialistas da música, a festa, o dancing escachístico e o hiperenxebrismo futurista", feliz por converter a conmemoración do bravú nun ano xa “ulträqänizado”. 

Primeiro esgotado, segundo á venda

Agardan que de todas partes do país se acheguen “seareiros” á Coruña, para facer unha das grandes festas do Bravú do ano, o encontro no que poderá mercarse o disco por vez primeira xa que até o momento só o teñen en man @s mecenas que aportaron cartos para o seu financiamento por medio dunha plataforma dixital nun traballo autoeditado e autoproducido. 

A banda, que esgotou o seu primeiro disco, conta para esta nova xeira coa incorporación do saxo de Pablo Añón e a guitarra de Manu Seoane.Súmanse a Fran Amil, Antón Diaz e Aarón Bouzón para compoñer a banda que continúa a levar música brava aos escenarios. 

No disco contaron coa colaboración de Manu Paino, Sara Vázquez, Xan Xove, O Leo i Arremecághona, Andrés Penabad, Tino Vilaro, Víctor García e o luthier José Catoira.

Máis en CULTURA
Comentarios