Unicornibot e Camarada Nimoy: comeza un novo curso

A escola da música subterránea comeza curso en Compostela o 13 de setembro con concerto de Unicornibot + Camarada Nimoy (Zona C, 21h). Cartel idóneo para achegarse a unha nova escena musical galega da que foron percibidas as sementes un par de anos atrás e que agora agroma sen pedir licencia. 

Camarada Nimoy
photo_camera Camarada Nimoy

Unicornibot, banda singular onde as haxa, con sede en Pontevedra, presenta o seu terceiro disco, Mambotrom, e anuncia que este é o primeiro dunha serie de directos que os levarán a Francia, Bélxica e  Holanda. Antes deles, no escenario a mestura de surf e swing da banda viguesa Camarada Nimoy. 

Unicornibot están rodados no directo alternando ritmos dispares cun resultado que suma virtuosismo e herdanza progresiva aínda que cada vez máis rozando as harmonías. Mambotron supón certo relax, segundo apuntan, fronte á explosión dos inicios. Unha das súas sinais de identidade: as carrapuchas de papel aluminio coas que comparecen os guitarristas Álex Gayoso e Gonzalo Goitia, o batería Guillermo García e o baixista Toño Rodríguez. Formada en Pontevedra en 2009, Unicornibot é a banda galega da que máis se fala no últimos meses. A cousa ven de atrás: formaron parte do cartel do Primavera Sound de Barcelona en 2012, e agora, co novo disco, veñen de pechar unha xira europea convencidos de que, malia que gañar diñeiro co proxecto é un espellismo, hai moito público ao que chegar no subsolo.

"Tempos de edición en vinilo na era dixital nunha volta ao obxecto en convivío coa bandcamp. Tempos tamén de propostas integramente instrumentais porque, aviso a navegantes, nin Unicornibot nin Camarada Nimoy dispoñen de cantante"

Co vinilo quentiño, aínda que neste caso o primeiro, chega á Zona C a banda viguesa Camarada Nimoy. Surf, swing, jazz e rock. Todo remexido e inspirado por unha ciencia ficción de aire autóctono que converte o traslado real de tres impoñentes guindastres de 120 metros desde Rotterdam á ría de Vigo nunha imaxinativa peza musical (Super Post Panamax). Tamén por unha clara inclinación estética a fetiches e obxectos do vello leste como os Trabant, os coches máis populares da RDA. Pablo Múñiz no baixo, Diego de Luis, bateria e Gontxu Muíños e Paulo Pascual, guitarras, forman a banda, cuxo nome ven inspirado polo actor  e poeta Leonard Nimoy. Ou sexa, o doutor Spock. No directo as proxeccións son  xa parte inseparable do proxecto así como o theremin, ese instrumento que soa sen tocalo e que inclúen en dous temas.

O subterráneo emerxe; son novos tempos. Tempos de edición en vinilo na era dixital nunha volta ao obxecto en convivío coa bandcamp. Tempos tamén de propostas integramente instrumentais porque, aviso a navegantes, nin Unicornibot nin Camarada Nimoy dispoñen de cantante. Pero sobre todo a proposta do venres 13 na Zona C visibiliza un hipotético tempo novo para a música feita en Galicia. As dúas bandas forman parte dun mapa, xa non tan subterráneo, no que conviven con grupos como Lendrone, Guerrera, Telephones Rouges ou Colectivo Oruga, apóianse en pequenos selos como o compostelán Matapadre e no que as paradas refuxio son centros autoxestionados e multiusos como a nova Casa Tomada da Coruña ou o xa máis veterano Liceo Mutante de Pontevedra. Como se pode intuír, neste mapa non choven cartos pero si ideas e tensión. Novos xeitos. Unha mestura de retro e futuro. Unha combinación de fágao vostede mesmo e exquisitez. Unha suma de atitutes e aptitudes. Ruído e estímulo. E, ademais, creando públicos. O dito, no concerto da Zona C albíscase o comezo dun curso novo.

Venres 13 setembro, 21h, Zona C, Bonaval, Santiago de Compostela
Entrada: 6 euros. Anticipada en www.ticketea.com


 

Máis en CULTURA
Comentarios