Xa está aquí o Revenidas, o festival de pago 100% en galego. Once anos xa desde aquela primeira edición que un grupo de rapaces e rapazas matinaran con paixón e ilusión na vilaxoanesa praia do Preguntoiro. Agora, unha década despois, a cita mantén a frescura e a aposta polo país, mais cun impacto, unha calidade e cunha proxección que aumentou exponencialmente nestes anos.
Arrancan As Revenidas (nome que en Vilaxoán se lle dan ás sardiñas) esta sexta feira. E vai haber de todo, desde presentacións de libros até charla de Pinto D´Herbón (pioneiro do rap en galego, a través das regeueifas e mentres cultivaba pementos no seu Herbón). E música, moita música. Nesta primeira xornada: Rastreros, Ulträqäns, Os Diplomáticos de Monte-Alto e Heredeiros da Crus. Pesos pesados da música en galego. Un luxazo.
Non marchen todavía, aínda hai máis
O sábado a festa musical segue. De Sés a Dakidarría, Terbutalina, Nao, Liviao de Marrao ou Familia Caamagno. Seiba nova e afouteza sobre o escenario por parte desta fornada da música galega, heteroxénea en estilos e propostas mais co galego como idioma.
Pero, e dentro do musical, aínda hai máis. O domingo, e xa de balde, Tandub, O Leo e Arremecaghona ou a Charanga da Compañía do Ruído.
Para tod@s
Mais na cita das Revenidas a música non é o único prato. Haberá desde actividades para familias e crianzas gala de circo solidario, feira da cultura, artistas plásticos, aberto de billarda, mosgos tradicionais...
Van ser 3 días para non perder e para gozar ía e noite nesta vila arousá, Vilaxoán, un pequeno porto para un enorme festival. Con acampada de balde a pé das augas de Arousa. E non faltará, o domingo, a sardiñada popular.