Unha visión italiana sobre a beleza

O noso crítico de cinema, Andrés Castro, pon o foco nesta sexta feira nun filme italiano, a última obra de Paolo Sorrentino.

beleza
photo_camera Un fotograma do filme

A GRAN BELEZA
Título orixinal: La grande bellezza
Ano: 2013
Duración: 142 min.
País: Italia
Director: Paolo Sorrentino
Guión: Umberto Contarello, Paolo Sorrentino
Fotografía: Luca Bigazzi
Música: Lele Marchitelli
Reparto: Toni Servillo, Carlo Verdone, Sabrina Ferilli, Serena Grandi, Isabella Ferrari, Luca Marinelli

SINOPSE
Jep Gambardella (Toni Servillo) vive a noite de Roma entre discotecas e festas da alta sociedade. Tras unha primeira novela que o fixo famoso hai moitos anos, deixou de escribir e agora traballa de xornalista coa sempiterna idea de volver a empezar outro libro algún día. Pero pasan os anos e o momento non parece chegar nunca, escusado en que non ten tempo por mor da inercia dun modo de vida nocturno do que parece non querer saír a pesar da súa avanzada idade.

CRÍTICA
Nova película do controvertido Paolo Sorrentino, director napolitano que non soe deixar indiferente. Conta unha vez máis co seu actor fetiche Toni Servillo que desta volta encarna a un escritor en idade de xubilación que vive nunha Roma aburguesada e indolente das rendas dunha primeira, e única novela, que o fixo famoso fai 30 anos. Ten que soportar día tras día que todo o mundo lle pregunte por que non escribe outra novela, pero el, mentres poida, só quere gozar facendo o que lle presta, prescindir do que non é ir de festa en festa coa jet-set sen máis preocupación que a de manter a pose de rizos na caluga e roupa de marca, ao mesmo tempo que intenta atopar algún sentido a unha vida baleira.

A película comeza cunha festa a todo tren coa versión disco dun tema de Raffaella Carrá: a decadencia, a superficialidade e o grotesco fan acto de presenza. A partir de aí, unha crítica feroz á clase burguesa está servida. Dá bastantes paus tamén á igrexa (católica, apostólica e romana), sobre todo na segunda parte do filme, e atrévese tamén a reflexionar sobre o devir do tempo e que calquera tempo pasado foi mellor. Non ten unha posta en escena tradicional, senón que trata de transmitir e comunicar a través dunhas poderosas metáforas visuais grazas a un posicionamento de cámara estudado ao milímetro, e apoiado na fotografía de Luca Bigazzi, habitual tamén de Sorrentino. Aparte da música disco, a película conta cunha banda sonora pesada e repetitiva (a mantenta) a cargo de Lele Marchitelli que apoia o surrealismo de certas imaxes, pero que noutros momentos se fai insufrible. Un dos puntos fortes da película é unha coidada composición da imaxe que xoga ás sutilezas e simbolismos. Pero esa imaxinería visual tan estudada é pura fachada porque está carente de alma; ao igual que as decadentes personaxes que pululan polo filme. Un filme un tanto caduco e desfasado onde a muller ten un mero papel floreiro. Sorrentino atrévese a invocar os clásicos fellinianos e comedia all’italiana, pero asemella máis un telefilme casposo de Tele5 (que por certo, participa a través da produtora Mediaset) que unha película de pantalla grande.

Non atino moi ben a entender por que a crítica, en xeral, a puxo polas nubes

Salta á vista que Sorrentino buscaba ese efecto de desfase e decadencia, pero o tema é que se nota de máis unha dirección ávida por conseguir un impacto visual para a galería. Acaba por converterse nunha recorrencia prefabricada e rebuscada á que hai que engadir un abuso do travelling en repetitivos movementos de cámara, xustapostos na sala de montaxe, que acaban por cansar e levar ao tedio. As case dúas horas e media que dura o filme lévanse con certa dificultade. Non atino moi ben a entender por que a crítica, en xeral, a puxo polas nubes. Ben, si sei, pero quizais deixouse levar pola ansia colectiva de veren algo novo, que fale de temas reais e que ao mesmo tempo nos lembre a tempos mellores de cinema. Penso que se deixou enganar polo envoltorio. Un envoltorio de metáforas visuais que destilan certa intelixencia pero que ao mesmo tempo están cheas de prepotencia do que se ten por un grande, pero que porén (aínda) non o é. Hai que recoñecerlle que a película ten un punto de reflexión sobre temas importantes de vida, con crítica social, que gañou varios premios (o Globo de Ouro á Mellor Película Estranxeira de maneira inxusta se nos lembramos de “A caza” ou “A vida de Adèle”) e que no visual ten secuencias poderosas. Pero o tema é que se ven vir as intencións de un director con gana de figurar, e iso vai en detrimento dunha película que non funciona como tiña que funcionar. Para min está moi sobrevalorada …e se non, tempo ao tempo. Iso si, non deixen de xulgar por si mesmos.

Máis en CULTURA
Comentarios