O S8 celebra do 1 ao 5 de xuño a súa sétima edición. Unha edición especial baixo o nome de “Os novos impresionistas” que reunirá recoñecidos cineastas como o canadiano Stephen Broomer e o francés Jacques Perconte, artista do‘glitch’,que presentará unha ‘performance’con música en directo eunha exposición da súa obra. Así mesmo, o festival presentará unha panorámica que inclúe os novos traballos de artistas internacionais ao redor da idea do impresionismo no cinema eu n programa histórico dedicado á cineasta, teórica e crítica Germaine Dulac.
A sétima edición do festival comezará cun cinema-concerto a modo de gala inaugural o 30 de maio no Teatro Rosalía de Castro (A Coruña) no que se poderá ver a copia restaurada de ‘O acoirazado Potemkin’. A proxección da obra mestra de Sergei M. Eisenstein e pedra angular da modernidade da montaxe cinematográfica será sonorizada en directo polo estadounidense Chris Jarrett, autor dunha partitura orixinal inspirada no filme. Na antesala do festival, o fin de semana do 28 e 29 de maio, o cineasta galego Miguel Mariño impartirá na Fundación Luis Seoane, dentro da sección Mini(S8), o obradoiro ‘Fabricación de proxectores caseiros’.
“Os novos impresionistas” é o nome co que este ano o S8 bautiza a súa edición especial, na que conflúen cineastas (emerxentes e veteranos) para os que a experimentación coa luz e as calidades pictóricas do cine é esencial. Investigando os límites da percepción sensorial e da subxectividade, este grupo de cineastas asina nalgunhas das obras visualmente máis estimulantesdos últimos anos. É o caso de Jacques Perconte, un dos artistas franceses máis solicitados da actualidade, que trae ao S8 unha exposición, unha performance sonorizada en directo e a estrea internacional do seu último filme, 'Save my Heart from the World'. Utilizando o vídeo dixital e explotando todas as posibilidades plásticas do chamado glitch (é dicir, as alteracións da imaxe causadas pola manipulación do código), Perconte abre portas a paisaxes imposibles de cores e formas insólitas.
Tamén visita por primeira vez Galiza e o Estado Stephen Broomer, novo e, con todo, xa consagrado cineasta, conservador e teórico canadiano. Broomer traerá á Coruña os seus traballos en 16mm. Fitas nas que as cores e as texturas evocan o traballo dos primixenios impresionistas, nunha procura formal cuxo embriagador resultado achégao tamén aos autores máis abstractos dentro desta corrente. O apartado dedicado ao impresionismo complétase cunha selección de traballos recentes de artistas internacionais como os estadounidenses Jodie Macke, Robert Todd, o arxentino Pablo Mazzolo, oscanadianos John Price, Alexandre Larose e Eva Kolcze ou a británica Charlotte Pryce.
O S8 tamén ofrecerá unha sesión dedicada a Germaine Dulac, pioneira do cinema e parte da corrente vangardista dos anos 20 designada como “impresionistas franceses”, á que tamén pertenceron Jean Epstein, Louis Delluc e Abel Gance. O traballo de Dulac proxectarase en formato fílmico.