CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Whiplash'

Unha curtametraxe que tornou en filme. 

capa

WHIPLASH
Ano: 2014
Duración: 107 min.
Nacionalidade: estadounidense
Director: Damien Chazelle
Guión: Damien Chazelle
Fotografía: Sharone Meir
Música: Justin Hurwitz
Elenco: Miles Teller, J.K. Simmons, Melissa Benoist, Paul Reister, Austin Stowell, Nate Lang, Chris Mulkey, Charlie Ian, Damon Gupton, Jayson Blair

SINOPSE
Andrew (Miles Teller) toca a batería no prestixioso Conservatorio Shaffer. O seu obxectivo é transcender no mundo do jazz e chegar a ser tan grande coma Charlie Parker. A oportunidade aparece cando consigue entrar na prestixiosa clase do profesor Fletcher (J.K. Simmons), unha eminencia respectada e temida a partes iguais de métodos educativos nada convencionais.

CRÍTICA
Cando se pon empeño e alma en algo, acábase notando. Ese podería ser o leitmotiv de Whiplash, tanto no referente á trama como á película en si mesma. Vai da relación de admiración-odio mutua entre Andrew, un ambicioso estudante batería de jazz, e o seu esixente profesor. O estudante busca a excelencia, chegar a ser tan grande coma Charlie Parker, e ve a oportunidade de transcender cando é seleccionado polo profesor Fletcher para formar parte da súa elitista banda. O duro adestramento ao que se ve empurrado para permanecer na banda unido á propia auto-esixencia do alumno será pura dinamita... Algo así coma se o sarxento Hartman d’A Chaqueta Metálica se topara co Cisne Negro de Aronofsky. 

O duro adestramento ao que se ve empurrado para permanecer na banda unido á propia auto-esixencia do alumno será pura dinamita... 

Unha trama que ten moito de autobiográfica sacada das propias experiencias persoais do director Damien Chazelle que sacou a idea de cando estudaba percusión de jazz no instituto, onde tamén tiña un durísimo profesor. De feito Whiplash antes de ser longametraxe foi unha curta que gañou o Premio á Mellor Curtametraxe no Festival de Sundance de 2013, e un ano despois xa coma longametraxe, repetiu en Sundance facéndose co galardón de Mellor Película. Máis tarde chegarían os galardóns de Mellor Novo Director na Seminci, Globo de Ouro ao Mellor Actor de Reparto (J.K. Simmons) ou as consabidas cinco nomeacións aos Óscars (Película, Actor Secundario, Guión Adaptado, Son e Montaxe). 

Non é a primeira vez que unha curtametraxe acaba por converterse nunha película de certo éxito. Temos por exemplo Distrito 9 (de Neill Blomkamp), Half Nelson (de Ryan Fleck) ou a mítica THX1138 (de George Lucas). Damien Chazelle súmase a esta lista de directores que decidiron coller as súas curtas, darlles unha volta e transformalas en películas (case) de culto. Destacaría a feroz edición e montaxe en perfecta sintonía co ritmo da música, un “orixinal” guión aínda que “adaptado” da propia curta de Chazell, un tremendo J.K. Simmons con todas as da lei para facerse co Óscar ao que opta e un Miles Teller tamén soberbio, aínda que non fose nomeado. Por suposto tamén destaca a música, que non por nada é o fío condutor da trama. O centro das pezas é o Whiplash de Hank Levy (non o de Metallica), que dá nome ao filme, pero tamén soa Duke Ellington ou Buddy Rich, o grande ídolo do protagonista co que garda un parecido asombroso, e nada casual, J.K. Simmons... alopecia aparte, claro. Whiplash é puro jazz. Pero non jazz improvisado, senón meticuloso, acompasado e cun tempo milimétrico. 

O centro das pezas é o Whiplash de Hank Levy (non o de Metallica), que dá nome ao filme, pero tamén soa Duke Ellington ou Buddy Rich

“Se non tes talento, acabarás tocando nunha banda de rock”, di un dos mantras nos que se apoia o batería para seguir adestrando ate a extenuación. Unha película que amosa a obsesión por algo que ninguén entende pode desencadear na perda das amizades, o amor, a familia ou mesmo da cordura... Pódese intuír perfectamente como xusto esa paixón que destila o filme forma parte do proceso creativo dun director que deixou parte da súa alma en sacar este proxecto adiante, e que, con xustiza, está sendo recompensado polo clamor unánime de público, crítica e algún premio máis que lle ha de caer. Imprescindible para amantes da música en xeral e do jazz en particular. Unha desas películas que contaxian actitude e afección. Non se estrañen se saen do cine cantaruxando e buscando inconscientemente algún un garito de jazz... que habelos hainos.

Máis en CULTURA
Comentarios