CARLOS GENDE (GENDEBEAT E XENDERAL)

''A xente xa me miraba raro de mozo no bús por facer sons coa boca''

Carlos Gende, creador de historias e músicas baixo nomes como Gendebeat ou Xenderal. Do 'beatbox' ao 'ragga', sempre coa palabra acaída no momento preciso. Desde Cerceda, sen complexos.

xenderal-gendebeat

Carlos Gende, coñecido como Gendebeat ou tamén Xenderal, é un 'sound system' andante. De Cerceda, mais estoupando en Vigo, Compostela ou calquera outro lugar do país a través de ráfagas de 'beatbox' ou de 'ragga'. Onde está escrito que o son da revolta e da furia do cotián teña que ser con brúos e guitarras eléctricas altas e distorsionadas? Abonda un micro, un esbozo de base musical e unha historia ben contada Con eses ingredientes, sazonados, iso si, con mentalidade e práctica DIY (Do It Yourself-Faino Ti Mesmo) Carlos Gende prepara pratos únicos. E gorentosos.

De onde vén iso de ter dous AKAs (alcumes) musicais? Bipolarismo?

(risos) Non, non. O de Gendebeat está máis ligado ao que fago relacionado co rap e co 'beatbox', mentres que o de Xenderal vai máis relacionado ao que fago no 'ragga'. Mais emprégoos indistintamente, non é algo ao que estea moi atento a verdade.

Como chega un de Cerceda a facer 'beatbox' e 'ragga' ?

O do 'beatbox' (facer sons coa boca, os beizos e as cordas vocais, construíndo un ritmo) vén do rap. Cando hai anos fun a Vigo estaba en auxe. O rap ten moitos elementos diferentes: break-dance, graffiti...e eu pasei por todos. Mais o 'beatbox' humano foi o que máis me enganchou. Non precisa de nada, falo ti todo, parece sinxelo mais é complicado. E o 'ragga' é algo que ten a orixe en Xamaica e no que tamén me fun metendo...

E que se precisaría para ser bon niso do 'beatbox'?

Eu creo que un certo sentido do ritmo e da melodía. Despois hai xente que insiste en que é un don (risos). Mimá as veces que teño escoitado iso de ter un don (risos). Mais non, o que é importante é a práctica. Eu lembro de ir no autobús e ía practicando, facendo sons  que pensaba que sóescoitaba eu, pero o resto dos viaxeiros mirábame raro (risos).

Tanto o 'rap' coma o 'ragga' nacen totalmente á marxe da industria musical, xorden nas rúas. É por iso que nas letras ten tanto peso falar dos problemas cotiáns, da realidade, sen concesións á 'escapismos' ou a facer de 'estupefacientes'?

Son estilos que se cantan sobre unha base musical, que si que ten a súa importancia, mais onde a letra ten moito protagonismo: o que dis e como o dis, a ritma que lle das... Eu adícolle moito tempo a que nos temas se diga o que realmente quero dicir. Ademais, son estilos que che dan moito xogo para tratar os temas máis cercanos, do día a día...

Como está a escena deses estilos en Galiza?

Pois creo que día a día vai a máis, sobre todo en Compostela e en Vigo, que son os sitios  que máis controlo. Hai xente que se está a meter a facer esta música, e tamén a argallar concertos...sitios onde se aposta pola xente do país e tamén por traer propostas de fóra...Ademais é unha escena onde a xente aposta no 'Faino Ti Mesmo', por se autoproducir, e iso está ben, é importante. Hai algo máis 'Faino ti Mesmo' que o 'beatbox', que o fas todo ti? (risos).

Iso de facer ruídos coa boca e os beizos era algo co que xa o Jhon Balan andaba ás voltas na súa época, non é?

Pois si (risos). De feito, nos obradoiros que fago polos institutos de 'beatbox' proxecto algunhas imaxes de John Balan (inclasificábel artista do Seixo, Marín), que era coñecido como 'O Home Orquestra'. De feito, un dos que comezou con isto do 'beatbox', un dos máis importantes neste estilo, que era Rahzel, do Bronx; tamén era coñecido como 'O Home Orquestra'!

Entrevista publicada no Sermos Galiza nº97

Máis en CULTURA
Comentarios