Zombies na Galiza (A propósito de Apocalipse Z, de Manel Loureiro)

En cada número do semanario Sermos Galiza, desde o primeiro, Mario Regueira acompáñanos coa súa crítica na que analiza as novidades literarias galegas. A partir de agora, o noso crítico publicará tamén no xornal dixital críticas da actualidade editorial mais, nesta ocasión, referidas a obras traducidas ao galego. A primeira, Apocalipse Z de Manel Loureiro (Urco). 

Manel Loureiro
photo_camera Manel Loureiro

Este ano saía á luz que as orixes de George A. Romero, un dos pais do xénero dos zombis no cine, atopábanse entre os Romero de Neda, unha familia ben coñecida na zona de Ferrolterra. Houbo quen xa quixo ver unha relación evidente entre os mitos da Santa Compaña e a particular relación da galeguidade coa morte no cine de Romero, por máis que a carne apodrecida das hordas de non-mortos dos seus filmes teña pouco que ver coa hoste antiga e espiritual que marcha en orde polos vieiros da nosa terra. 

"Nos últimos vinte anos o xénero dos zombis reviviu de tal forma que se foi convertendo case nunha marca de época: dende filmes, series e videoxogos até novelas".

En realidade, o cine de zombis previo a Romero reflectira, xa nos anos 30, o medo ao estranxeiro focalizado nos estraños ritos da inmigración haitiana, orixe última dos mortos que camiñan. Para unha boa parte da crítica, o galego-descendente vai modificar esa expresión da ansiedade social cara ao outro-descoñecido substituíndoa pola que xera a ameaza constante da conflagración mundial. Esa apocalipse inminente que se percibía durante a Guerra Fría deixou unha pegada moi recoñecíbel na cultura popular, inzándoa de filmes de catástrofes, entre os que se poderían contar as incursións de Romero. Ao mesmo tempo, os escenarios devastados deixan sempre aberta a interpretación das cuestións sociais: o zombie é un monstro que non se caracteriza pola súa rapidez nin pola súa intelixencia, a súa forza baséase na capacidade para facer masa e expandirse, unha característica aberta a múltiples interpretación políticas.

Nos últimos vinte anos o xénero dos zombis reviviu de tal forma que se foi convertendo case nunha marca de época: dende filmes, series e videoxogos até novelas. Resulta doado imaxinar que, da mesma forma que nos anos sesenta e setenta, o éxito do xénero responde a unha nova ansiedade. A caída da Unión Soviética eliminou do horizonte de posibilidades un quecemento súbito da Guerra Fría, pero a perspectiva sobre o futuro da humanidade, cercada por gripes aviarias, terrorismo islámico, accidentes nucleares, crises económicas ou catástrofes naturais, non pareceu mellorar demasiado.

Da mesma forma, a ameaza constante das sociedades idiotizadas incapaces de facer fronte politicamente ao seu destino ante un poder cada vez máis omnipotente, aparece sempre como unha tentación interpretativa á hora de falar das hordas de zombis sen cerebro. Sen dúbida, o zombi é, cada vez máis, un elemento político. É frecuente que ao anual Zombie Walk do Festival de Sitges se sumen grupos de esquerdas ataviados como os cadáveres andantes de figuras históricas da ditadura, denunciando así a súa continuidade política. O pasado novembro, na terra dos avós de George A. Romero, celebrouse tamén unha marcha zombi para denunciar o abandono da comarca e o futuro apocalíptico que lle agarda.

"Urco é unha editora consciente das raíces galegas do xénero e Manel Loureiro leva dende 2009 marcando un novo fito coa serie de novelas, que o catapultaron dun completo anonimato a ser un dos autores máis vendidos do Estado" 

Da mesma forma é frecuente que as interpretacións modernas veñan acompañadas dunha lectura nostálxica do pasado, como se o capitalismo estrañase os anos nos que o rival era un só e compartía un mesmo código de honra, en lugar destes tempos doentes nos que calquera célula de fanáticos pode pulsar o botón que dea cabo ao mundo.

Non é por acaso que a edición galega de Apocalipse Z de Manel Loureiro, seguramente unha das primeiras obras que coloca os zombis nun escenario galego, conmemore na súa nota de impresión un dos filmes de George A. Romero. Urco é unha editora consciente das raíces galegas do xénero e Manel Loureiro, que concibiu a obra orixinalmente en castelán, leva dende 2009 marcando un novo fito coa serie de novelas, que o catapultaron dun completo anonimato a ser un dos autores máis vendidos do Estado e a competir en mercados internacionais tan complexos como o estadounidense. 

Porén, ao mesmo tempo, Urco é un editora que sempre fixo gala dunha particular consciencia política, algo que se deixa notar no seu interese polas utopías socialistas, e tamén na particular perspectiva de recoñecer a conveniencia dunha fantasía que eluda as referencias aristocráticas. Nese sentido, na súa decisión de editar a versión traducida de Apocalipse Z, podemos ver algo máis que a necesidade de darlle unha versión galega  obra.

Sería excesivo ver en Apocalipse Z unha intencionalidade política. A novela conta, a modo de diario, a historia dun avogado galego e do seu gato no medio dunha praga de zombis que comezan a invadilo todo. O relato parte da incerteza das primeiras novas e continúa até o colapso das estruturas estatais e a pura loita pola supervivencia persoal. Nin o estilo nin o ritmo narrativo son propios da alta literatura, aínda que si poden ofrecer o divertimento que sen dúbida atoparon os seus millóns de lectores e que se basea sobre todo nunha aposta clara pola acción.

"Nin o estilo nin o ritmo narrativo son propios da alta literatura, aínda que si poden ofrecer o divertimento que sen dúbida atoparon os seus millóns de lectores e que se basea sobre todo nunha aposta clara pola acción".

Mesmo tendo iso en conta, na novela é evidente a expresión desas coordenadas das que falamos, e que a converten tamén nunha peza curiosa do punto de vista cultural. Tanto a ansiedade por un futuro incerto, como a nostalxia de tempos pasados nos que a vida era máis sinxela, aparecen con especial intensidade. Non é casual que a praga que ocupa o relato do protagonista estea orixinada nun vello proxecto soviético abandonado e fóra de control. Tampouco que vaian ir aparecendo personaxes que combateron na guerra de Afganistán e que demostran que un kalashnikov segue a ser unha boa ferramenta para abrirse paso no medio dunha invasión de seres descerebrados. As referencias a ese pasado son constantes, aínda que non unívocas, e abren moito as súas posibilidades interpretativas. Mesmo así, percibimos nel unha forma de solucionar as cousas ao “vello estilo soviético” que segue sendo válida para as situacións de crise, aínda que moi a miúdo se vexa atascada na corrupción ou nunha burocracia absurda. A experiencia deses personaxes noutro colapso sistémico fainos tamén especialmente hábiles para a supervivencia.

Da mesma forma, Apocalipse Z ofrece o panorama novidoso dunha Galiza devastada, particularmente da vía atlántica, entre Compostela e Vigo. Seguramente as protestas políticas das que falabamos recoñeceríanse nos escenarios que Loureiro ofrece, e onde destaca un Vigo con Pescanova e a Citroën paralizadas e desertas e un Meixoeiro que xa non ofrece atención médica. Esa perspectiva fai imposíbel non pensar tamén na crise económica e política, contexto de aparición das primeiras edicións de Apocalipse Z e que non deixaba de ser unha versión atenuada de moitas das súas paisaxes. A desaparición do Estado, colapsado por unha forza superior á que non sabe combater, ten moitos elementos en común coa realidade, e como nesta, ameaza con desembocar axiña na lei do “sálvese quen poida”, onde os valores sociais e humanos teñen, forzosamente, que redefinirse.

Haberá quen poida considerar superflua a tradución dunha novela que xa saíu en castelán, porén, sempre é positivo facer accesíbeis obras ao lector galego e moito máis aquelas que están construídas sobre as paisaxes das súas cidades. Da mesma forma, por casualidade ou por incomprensíbeis influencias culturais relacionadas coa visión da morte, o discurso sobre os zombis na cultura popular segue protagonizado por galego-descendentes, nesta ocasión, con posibilidade de incluír unha perspectiva sobre a súa terra. Se cadra George A. Romero aínda se vexa con folgos para unha adaptación cinematográfica nas paisaxes que habitaron os seus avós.

 

Máis en CULTURA
Comentarios