CRÍTICA DE CINEMA

Zootropolis, entretimento coa inevitábel carga de profundidade ideolóxica da factoría Disney

Disney nunca dá puntada sen fío. Eis a crítica do seu último filme.

Zootropolis1
photo_camera Un fotograma do filme


ZOOTROPOLIS

Zootopia
(EUA 2016, 108 min.)
Dirección: Byron Howard, Rich Moore e Jared Bush
Guión: Jared Bush e Phil Johnston
Música: Michael Giacchino

SINOPSE

A diminuta coello Judy Hopps entra no corpo de policía de Zootropolis. Moi pronto descobre que non é un traballo tan sinxelo como pensaba, sobre todo porque os seus compañeiros son mamíferos enormes e moito máis duros que ela. Para demostrar a a súa valía non lle quedará outra que traballar nun perigoso caso de desaparicións co raposo Nick Wilde, un tipo nada de fiar.

CRÍTICA

Nun mundo habitado por mamíferos antropomorfos todos os animais, carnívoros e máis herbívoros, coexisten en paz e harmonía desde hai décadas. Unha xigantesca urbe futurista chamada Zootropolis semella o lugar ideal para cumprir os soños de prosperidade e éxito. Judy Hopps, unha xoven coello de campo, consegue ser a primeira muller coello en entrar no corpo de policía da cidade. Con esta premisa Walt Disney Animation Studios tira de tópicos para crear unha historia de superación e amizade onde calquera pode chegar a ser o que se propoña, aproveitando, iso si, para transmitir unha mensaxe en contra dos prexuízos, o conformismo e o racismo. Resulta que neste mundo aparentemente “tan perfecto” os raposos son mirados con bastante receo alá por onde pasan, sobre todo co que respecta á policía Hopps que prefire disparar “o seu repelente de raposos” e logo se tal preguntar... En concreto tenlle animadversión a Nick Wilde, un raposo astuto e chanchulleiro que semella un parente lonxano daquel Robin Hood de debuxos creado en 1973. Nuns estados onde o racismo é tan pronunciado coma son nos USA non é difícil equiparar esta situación con certas noticias de abuso policial que saen día si e día tamén. Un punto a favor de Disney.

O público obxectivo non debe superar os 10 anos, como moito...

O malo de todo isto é que ao filme fáltalle chispa, esa chispa que lle podería dar de seguro Pixar e que, desta volta, non participa na produción inda que John Lasseter apareza metido nos títulos en calidade de produtor executivo. Pura formalidade fixo... Por mor disto o filme queda frouxo aparte de contar cun humor moi moi “branco”, quizais demasiado. O público obxectivo non debe superar os 10 anos, como moito... Isto tampouco quere dicir en absoluto que os pais non poidan gozar tamén de Zootropolis, mais que nada porque a calidade técnica da animación é brutal e chea de detalles. Tampouco faltan homenaxes a O Padriño, Límite 48 horas, Breaking Bad así coma auto-homenaxes a filmes Disney. Todo moi ben conxuntado para que non haxa moito tempo para o aburrimento nin de cativos nin de maiores... Outra das “achegas Disney” habituais é que soen lanzar unha, nada sutil, carga de profundidade ideolóxica en todos os seus filmes para crear esa canteira de cativos alienados que xa tarden en pedir todo o que leve o logotipo Disney sen chistar e que sexan xente de proveito para que de maiores sigan comprando os seus produtos aos seus fillos/as. Neste caso, por exemplo, apúntase de forma velada a que: está mal piratear películas (o que o fai no filme é unha fea donicela...), hai que deixar o campo e ir á cidade para triunfar (o quid básico do filme) ou que debemos controlar os instintos (animais) para poder ser xente de ben... O tema do instinto xa o víramos en Madagascar, de Dreamworks Animation, mais Zootropolis vai máis na liña de que hai conter o instinto para ser bos cidadáns e patina onde Madagascar acerta de pleno. Con todo, Dinsey consegue unha entretida trama de “peli de colegas” onde a investigación vai de menos a máis e nada é o que parece. O mellor: a calidade de animación, o clímax final e o tópico sobre os funcionarios. O peor: a mensaxe moralizadora, a falla de ambición e unha gacela con voz de Shakira...

Máis en CULTURA
Comentarios