Os administradores deixan ao Depor sen dianteiro

O Deportivo non contará co goleador contrastado que pedía Fernando Vázquez por mor da negativa dos administradores concursais, que desbotaron a opción de Geijo co xogador xa na Coruña. Si permitiron a fichaxe do central Marchena

O principal desexo de Fernando Vázquez quedou en nada por imposición concursal. Os administradores de A.D. Syrex que teñen a palabra nas decisións finais que afectan ao Deportivo impediron que Álex Geijo fichase polo conxunto branquiazul malia que o que foi máximo goleador en Segunda hai dous anos xa mesmo pasara recoñecemento médico na Coruña. A maiores, o dianteiro foi contratado polo Mallorca, rival directo dos deportivistas.

Nin Geijo nin ningún outro. Dous rapaces de 21 e 19 anos -Borja e Luís- terán que asumir a responsabilidade goleador dun equipo que finalmente si sumou ao central Marchena. Pero o que semellaba un plantel curto mais con claras opcións de ascenso queda agora -ante a ausencia dun goleador contrastado de referencia, o que era a principal preocupación do adestrador- como un equipo interesante pero sen moito fondo, que xa non é dos grandes favoritos da categoría e que dependerá moito da evolución dos seus canteiráns.

Os administradores concursais negáronse a permitir a fichaxe de Geijo xa que consideran que as condicións económicas non eran asumíbeis para un club coa escandalosa cifra de 156 millóns de euros de débeda. Porén, as críticas nas redes sociais contra os administradores son xerais, posto que moit@s seareir@s consideran que non coñecen as peculiaridades do mundo do fútbol e mesmo son acusados de traballar baixo a influencia directa dos poderes enfrontados ao presidente da entidade, Augusto César Lendoiro, sen pechar a porta á liquidación do club que estes grupos chegarían a desexar.

A última hora abandonou o club o lateral Ayoze -non así por agora Rochela- unha das esixencias dos administradores, que con todo non avalaron a incorporación de Geijo. O Dépor terá que agardar agora ao mercado de inverno ou a atopar un axente libre para sumar efectivos á súa dianteira, sempre que o seu soldo sexa autorizado por A.D. Syrex, a empresa dos administradores, contra a que mesmo se preparan protestas por parte dalgún sector da afección.  

Comentarios