O Dépor cae de penalti contra o Alavés

Nova derrota do conxunto coruñés, que foi superior boa parte do encontro pero non conseguiu reaccionar ante o gol en contra. 

deportivo
photo_camera (Foto: RC Deportivo)

O Deportivo caeu este sábado ante o Alavés pola mínima, nun partido no que os coruñeses acusaron de novo a súa falta de definición. Un gol de penalti sentenciou o equipo dirixido por Gaizka Garitano, que acumula a súa terceira derrota consecutiva e segue sen coñecer a vitoria no que vai de 2017. A superioridade da primeira parte foi insuficiente para facerse cos tres puntos en Riazor.

Saíu o Dépor con novidades no once titular. Á portería volveu Germán Lux, o lateral esquerdo ocupouno Luisinho e Bruno Gama entrou na liña de tres cuartos. Empezou o encontro con dominio coruñés e a piques estiveron Gaël Kakuta e Sidnei de abrir o marcador en dous testarazos que marcharon fóra por pouco.

A mellor ocasión para os coruñeses chegou aos vinte minutos. Unha gran acción colectiva finalizada outra vez por Kakuta bateu contra o traveseiro. A ocasión animou o Dépor, que buscou sen éxito marchar con vantaxe no descanso.

Na segunda metade, o equipo da Coruña foi perdendo o control e, no minuto 68, o colexiado sinalaba a pena máxima que sentenciaría o partido. Raúl Albentosa derrubou Manu García, que se encargou el mesmo de transformar o penalti.

Non conseguiu reaccionar ao gol en contra o Deportivo, que loitou até o final. Tivo a último no tempo engadido, pero a defensa vitoriana rexeitou o remate de Fayçal Fajr sobre a liña. 

RC Deportivo: Lux, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Luisinho, Guilherme, Borges (Joselu, min. 71), Kakuta (Carles Gil, min. 56), Emre Çolak, Bruno Gama (Fayçal Fajr, min. 83) e Andone.

Deportivo Alavés: Pacheco, Kiko Femenía, Laguardia, Feddal, Theo Hernández, Marcos Llorente, Manu García, Toquero (Vigaray, min. 90), Camarasa, Ibai Gómez (Rubén Sobrino, min. 62) (Alexis, min. 90+4) e Deyverson.

Gol: 0-1 Manu García, de penalti (min. 68).

Colexiado: Jaime Latre (c. aragonés). Cartón amarelo  a Guilherme (min. 33), Marcos Llorente (min. 42), Deyverson (min. 51), Albentosa (min. 67), Bruno Gama (min. 80), Lux (min. 86), Rubén Sobrino (min. 90+3) e Carles Gil (min. 90+5).

Comentarios