Festa branquiazul: da man de Fernando Vázquez o Dépor volve a Primeira

O conxunto branquiazul derrota cun gol de Marchena ao Xaén e asina o seu segundo ascenso consecutivo, que xerou unha xornada histórica en Riazor e a felicidade completa representada na persoa de Fernando Vázquez.

depor-crop
photo_camera Dépor en Primeira.

Un gol de Marchena, após un rexeitamento do porteiro e á media hora do partido, serviu para que o Dépor vencese ao Xaén (1-0) e asinase dese xeito o seu regreso a Primeira división, un ascenso meritorio logo dun partido serio que xa foi festa no seu treito final, xa que tamén os outros resultados axudaban ao éxito coruñés.

Acendéronse bengalas no Mar de Riazor á conclusión do encontro, celebrou A Coruña un éxito dun mérito importante, que tivo nomes galegos, como os de Álex, Juando, Seoane, Juancar, Luís ou Insua, froitos da canteira todos eles dirixidos polo grande triunfador da tarde, o home que representou a felicidade total: Fernando Vázquez.

Dou a volta ao estadio absolutamente extasiado o adestrador, eufórico por conseguir "devolver ese descenso que por desgraza asinamos aquí a tempada pasada". Non é mérito pequeno o conseguido polo de Castrofeito: nun ano cheo de turbulencias, co plantel varias veces renovado, e grandes cambios na xerencia do club, mantivo a calma e foi quen de devolver o Dépor ao seu lugar natural, algo pouco común xa que é o segundo ascenso consecutivo do equipo coruñés, que baseou -de novo- o seu éxito nunha afección espectacular, que encheu Riazor e celebrou até altas horas. Merecido.

O Dépor volve a casa. Agora que teñan coidado eses que chaman grandes.

Comentarios